O Goberno Municipal rexeita as críticas polas taxas das terrazas

O Goberno Municipal ven de emitir un comunicado no que sinala, “ante as informacións e declaracións realizadas nas últimas horas sobre a ordenanza reguladora das taxas por ocupación da vía pública con terrazas para o ano 2016, aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 11 de novembro, o concello de Lugo quere destacar que:

A taxa por ocupación da vía pública con terrazas nas rúas de categoría fiscal 1, no centro da cidade, baixan 1,43€, pasando de 59,64 a 58,21€ por metro cadrado ao ano. O preceptivo estudo técnico de custes, elaborado en función dos valores catastrais de cada rúa, determina unha tarifa de 72,77€ para as vías de categoría fiscal 1, o que multiplicado polos coeficientes de intensidade de uso e superficie utilizada, resultaría unha taxa de 145,54€ por metro cadrado ao ano. Cumprindo co compromiso de conxelar ou baixar todas as taxas e impostos municipais, o Goberno decidiu aplicar unha bonificación do 60% nesta taxa para as rúas de categoría 1 -xa prevista no propio proxecto de ordenanzas aprobado o día 11 de novembro en Xunta de Goberno-, de maneira que, como se sinalou, queda en 58,21€ anuais por metro cadrado.

Nos resto das rúas, a rebaixa oscila entre o 52 e o 82%. Deste xeito, nas rúas de categoría fiscal 2, a taxa será de 40,16€ por metro cadrado ao ano; nas de categoría 3 e 4, de 28,38€; e nas de 5, a taxa queda fixada en 17,50€.O Goberno local cumpre así coa palabra dada, e mantén conxeladas ou aplica rebaixas nas ordenanzas fiscais do ano 2016”.

Os populares afirmaron esta tarde sobre as taxas que “o lóxico sería que fosen en relación ao valor de mercado da zona, de xeito que fose proporcional ao que custa un aluguer dos baixos comerciais”. Fronte a isto, “a decisión do goberno socialista é a de subir as tarifas a unha gran parte da cidade (categoría 1: casco histórico, Montero Ríos, Castelao…) malia a que figuraban solicitudes de hosteleiros para que non se incrementase para o ano que vén”, indicou Castiñeira, quen criticou “a incongruencia de que se baixen as tarifas de zonas como Augas Férreas mentres soben noutras da cidade”. “Coas terrazas ocorre o mesmo que coas taxas por ocupación de obras, que incorporan unha bonificación xeral despois de recoller unha suba xeral das tarifas”, advertiu Castiñeira, quen asegurou que “dá a impresión de que este é o primeiro paso para que os socialistas poidan o ano que vén con maior facilidade subir as tarifas pola porta de atrás, presumindo de conxelación”.

Pola súa banda Lugo Monumental noutro comunicado afirma que “recibiu un contacto informal por parte do Concello de Lugo en que se indicou que as taxas levan aparelladas unha bonificación do 60% no prezo, co que o importe final para terrazas no centro histórico sería de 58,22 euros por metro cadrado en lugar dos 145,54 que reflicte a taxa”.

Segundo Latorre, presidente de Lugo Monumental “isto, que xa figura na documentación que obra en poder da Asociación, non xustifica a chapuza xurídica que se prepara, xa que non ten sentido aumentar disparatadamente unha taxa para logo bonificala tamén indiscriminadamente”. E continúa “é rechamante que o Goberno Local acuse de falta de rigor a Lugo Monumental cando están a obviar unha cuestión tan importante como que calquera cousa que non supoña unha redución significativa respecto da taxa de 2015, a máis cara das sete cidades de Galicia, é un incumprimento da palabra dada pola alcaldesa, a señora Lara Méndez”.

Lugo Monumental continúa dicindo que “pedirá á alcaldesa que cumpra a súa palabra e reduza as taxas porque “a pesar de que a nosa cidade ten un aproveitamento de terrazas moi inferior ao doutras cidades máis turísticas (casos de Coruña ou Santiago ) ou con mellor climatoloxía (Pontevedra ou Vigo) entendemos que sería razoable que a taxa de ocupación con terrazas fose a da media das demais cidades galegas, e nese sentido rexistrarase mañá venres un escrito no que solicitamos que se aplique devandito criterio”.

“A palabra dada pola alcaldesa de Lugo, a señora Lara Méndez, foi que se revisarían as taxas no sentido reclamado por Lugo Monumental, non que se aplicarían malabarismos legais para, ao final, rebaixar un euro por metro en falso”, remata.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo