O Goberno Provincial estuda a legalidade do pleno extraordinario solicitado por Candia

O Goberno Provincial estuda a legalidade do pleno extraordinario solicitado pola voceira do PP no ente provincial, Elena Candia, para someter a votación a aprobación dos orzamentos do ano 2016 incorporando as alegacións presentadas polos propios populares e polo deputado non adscrito Manuel Martínez.

“Hai que estudalo xurídicamente porque o orzamento é unha prerrogativa do presidente da Deputación e é unha potestade do presidente a súa elaboración e presentación”, aclarou o voceiro socialista no ente provincial Álvaro Santos.

Santos indicou ademais que malia que se chegase a dar a convocatoria e aprobación de ditos orzamentos no pleno extraordinario iso non significaría que as contas públicas aprobadas fosen legais. A este respecto, o voceiro dos socialistas sostén que algúns aspectos que contemplaban as alegacións do Partido Popular e de Manuel Martínez eran “ilegais” e unha “barbaridade xurídica”, polo que coa súa aprobación estaríase aprobando un texto ilegal.

“Haberá un pleno. O que non significa que o que se aprobe nese pleno sexa legal. Aquí o PP pode pedir un pleno extraordinario para regalar o Pazo de San Marcos ao primeiro que pase pola porta o día X as sete da mañá. Iso non significa que o primeiro que pase pola porta se queda coa propiedade do Pazo de San Marcos, porque iso é ilegal”, exemplificaba Santos.

Elena Candia rexistraba onte á saída do pleno esa convocatoria de pleno extraordinario. Darío Campos ten agora 15 días hábiles para convocar ese pleno ou, do contrario, quedará automáticamente convocado dez días despois de que expire o prazo. Para Candia a actitude do Goberno bipartito na Deputación amosa que “non queren sacar adiante as contas públicas” e que tan só están ocupados en botarlle as culpas á oposición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com