O Museo da Romanización de Galicia, máis preto de facerse realidade

O proxecto do cuartel de San Fernando supera a preavaliación para optar a 11,4 millóns do 2 % Cultural, aínda que a concesión definitiva queda condicionada á entrega da documentación técnica e ao visto e prace de Patrimonio

A transformación do cuartel de San Fernando de Lugo no Museo da Romanización de Galicia entra nunha fase decisiva. O proxecto superou con éxito a preavaliación formal do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para optar ao financiamento do programa estatal do 2 % Cultural.

A actuación está valorada en 15,2 millóns de euros e o Concello de Lugo solicitou ao Estado unha achega de 11,4 millóns, equivalente ao 75 % do custo total. A superación deste primeiro trámite achega o proxecto á obtención dos fondos necesarios para rehabilitar e poñer en valor o histórico edificio, aínda que a comunicación recibida polo Concello ten carácter exclusivamente informativo e non supón aínda a concesión definitiva da subvención.

O seguinte paso será a remisión por parte do Ministerio dunha segunda comunicación na que se lle traslade ao Concello unha resolución provisional. A partir dese momento abrirase un prazo de 90 días para que a Administración local presente o proxecto completo da intervención.

Entre a documentación esixida deberá figurar tamén un ditame favorable e sen condicionantes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Este informe será determinante para que o Ministerio confirme a axuda.

Se o Concello non entrega o proxecto e a autorización de Patrimonio nas condicións establecidas e dentro do prazo sinalado, a subvención non chegaría a sustanciarse arse. Polo tanto, aínda quedan trámites fundamentais antes de poder dar por asegurados os 11,4 millóns de euros.

A resolución provisional e o posterior cumprimento das condicións técnicas e patrimoniais marcarán así o futuro inmediato dunha das principais actuacións culturais e patrimoniais previstas na cidade. De completarse satisfactoriamente o procedemento, Lugo poderá afrontar a recuperación do cuartel de San Fernando e a súa conversión no futuro Museo da Romanización de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com