" />

O novo Presidente de Deputación reúnese cos representantes sindicais mentres o PP esixe un posicionamenmto claro do BNG

O Presidente, Darío Campos Conde, reuniuse este martes con todos os representantes sindicais, sendo un total de 23 membros de UGT, CC.OO, CSIF e CIG que conforman a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, aos que Campos Conde lles quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade, posto que “a normalidade voltou á Deputación”, así como tenderlles a súa máxima colaboración.

Campos Conde tamén mantivo hoxe un encontro cos traballadores de Vías e Obras, Recadación, Cooperación e Asistencia aos Concellos e Centro de Artesanía e Deseño. Esta semana, fará o mesmo cos profesionais do Parque Móbil e da Fundación TIC. O Presidente rematará deste xeito a primeira rolda de reunións coa totalidade do persoal da Deputación logo de visitar o pasado venres os departamentos provinciais que se sitúan no Pazo de San Marcos.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Carlos Armesto, instou hoxe aos deputados nacionalistas na Deputación de Lugo, Antonio Veiga e Xosé Ferreiro, a que se pronuncien sobre se apoiarán un Goberno da Deputación con imputados. “Deben respectar aos lucenses e darlles a cara, xa que tanto os cidadáns como os seus votantes merecen explicacións e transparencia”, engadiu.

Armesto cre “necesario que os deputados nacionalistas rompan o seu silencio logo de que o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, lembrase o código ético do seu partido e delegase tanto en Veiga como en Ferreiro, o apoio ou rexeitamento ao organigrama provincial, tendo en conta a maiores, que os socialistas reafirmáronse en que todos os deputados terían responsabilidades de goberno, incluído un dos imputados, Manuel Martínez”.

O voceiro dos populares urxe a que os nacionalistas clarifiquen cal vai ser a postura do BNG na Deputación de Lugo. “Van desautorizar ao seu dirixente e incumprir co seu código ético ou pola contra rompen co bipartito na administración provincial?”, pregúntase Armesto quen considera de necesidade que “se poña fin ao espectáculo que se está a vivir e que só está a danar a imaxe dunha institución pública ao tempo que desatenden os dereitos dos lucenses, que deben coñecer todos os asuntos escuros que se esconden detrás destas negociacións”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo