O obradoiro de emprego ‘O Castro IV’ formará a 20 alumnos de 5 concellos

Un total de 20 alumnos participan dende hoxe no obradoiro de emprego O Castro IV, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 289.000 euros e promovido polo Concello de Castroverde conxuntamente cos de Pol, A Pastoriza, Ribeira de Piquín e Riortorto.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que este proxecto proporciona traballo e formación durante nove meses a persoas en situación de desemprego, dentro da especialidade “Actividades auxiliares de conservación e mellora de montes”.

O obradoiro conta con catro alumnos e alumnas de cada un dos concellos participantes e nel tamén traballan un director, un administrativo e dous monitores forestais. A súa actividade estenderase ata mediados do mes de xullo do 2019 e as tarefas que se desenvolverán centraranse na realización de tratamentos silvícolas en camiños e montes dos concellos participantes.

O departamento de Economía e Emprego concede ademais unha achega de 13.500 euros para incentivar a contratación laboral de nove alumnos e alumnas do obradoiro nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cuxa actividade estea vinculada ás materias que se imparten no taller.

Esta modalidade dual é a principal novidade desta convocatoria e fai posible que os participantes combinen un contrato de formación e aprendizaxe no obradoiro durante nove meses cun contrato nunha empresa de polo menos tres meses máis. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos da zona rural, adaptando a súa oferta formativa ás súas demandas e ás necesidades de contratación.

Durante estes días estanse a poñer en marcha a totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos -ambos xa iniciados, en Lugo e Ribadeo-.  En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com