O obradoiro de Sarria forma a 20 persoas en dixitalización de fondos do arquivo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, coñeceu esta mañá o traballo que se desenvolve no obradoiro de emprego Dixitaliza Sarria, que forma a 20 persoas e se dedica á dixitalización dos fondos do arquivo municipal e á mellora de espazos públicos do municipio.

Balseiro apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 288.800 euros a financiar esta iniciativa e lembrou que os participantes poderán obter un certificado de profesionalidade. No obradoiro traballan tamén un director, un administrador e dous monitores. Ten unha duración de nove meses, ata finais de xullo de 2019.

O delegado subliñou que un dos eixos principais da Axenda para o Emprego da Xunta é a “capacitación e especialización dos traballadores e traballadoras” e apuntou que é especialmente importante que a formación “responda aos perfís profesionais máis demandados no mercado laboral”.

As especialidades que se imparten nesta iniciativa, promovida polo Concello de Sarria, son as de ‘Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos’ e ‘Pavimentos e albanelaría de urbanización’, con dez alumnos traballadores cada unha delas. As obras proxectadas consisten na construción dunha praza pública na zona de Lama da Gándara; traballos para a conservación do estado orixinal dos pavimentos da Rúa Maior e adecuación e posta en valor dos elemento de formigón para xogos de patinaxe situados na zona do Chanto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com