" />

‘O Palacio ideal’ chega este venres a Codex Cinema

Francia, finais do século dezanove. Un carteiro de aldea chamado Ferdinand Cheval, ten unha vida tranquila xunto a súa muller ideal e a súa filla. Pero nese instante decide levar a cabo unha das aventuras persoais máis incribles que se recordan. Sen axuda, sen estudos e sen cartos, Cheval pasará toda unha vida construíndo un palacio cheo de excesos arquitectónicos. Día a día, incansable, durante trinta e tres anos, este humilde traballador dedicará todos os seus recursos para levar a cabo o seu soño.

Esta é a historia que conta O palacio ideal, a película que estrea esta semana nos Codex Cinema. A historia de Cheval é unha lección de perseveranza e de como o amor pola arte se atopa non só nas grandes academias e nas cidades máis importantes, senón no corazón de todas as persoas. O filme está dirixido con gran contención e calidez por Nils Tavernier, fillo do mítico Bertrand Tavernier, pero que xa leva el mesmo unha longa traxectoria no campo da dirección cinematográfica, pero cuxa obra por fin chega a Galicia con este filme que narra unha historia tan extraordinaria, a de un home xa convertido en mito e o seu Palais idéal é hoxe un dos monumentos máis recoñecidos e visitados en Francia.

O filme conta ademais coa participación de dous grandes actores franceses, Jacques Gamblin na figura de Cheval e Laetitia Casta como a súa parella. Mais por encima de todo destaca o gran traballo fotográfico, que de forma milimétrica trata de imitar a arte de pintores impresionistas como Jean-François Millet ou Henri Fantin-Latour, que construíron a súa obra tratando de rescatar as cores e as tonalidades do rural francés na segunda metade do século dezanove.

Codex, na asociación de cinemas PROMIO

E, precisamente, esta mañá presentouse no marco do festival de cine europeo de Sevilla unha nova rede de cinemas independentes de nome PROMIO, co obxectivo de defender a diversidade cultural na exhibición cinematográfica, definida pola cota de pantalla dedicada a películas
españolas, europeas ou de terceiros países infrarrepresentados.

O obxectivo principal da asociación é “defender esta diversificación cinematográfica, así como axudar a mellorar o sector, fomentar a versión orixinal e/ou subtitulada; potenciar a alfabetización audiovisual; impulsar medidas de estímulo económico; defender a experiencia cinematográfica nas salas á vez que fortalecer a relación co resto de sectores da creación e a industria; promover a innovación nos modelos de negocio, a tecnoloxía e contidos e defensa da sostibilidade medioambiental aplicada ás salas de cine”. Valores todos eles que marcan a traxectoria de Codex Cinema nos seus dous anos de existencia.

PROMIO, que debe o seu nome ao operador de cámara dos irmáns Lumière que rodou as primeiras películas en España, conta cos seus primeiros socios galegos, ademais de Codex Cinema, con Duplex (Ferrol) e Numax (Compostela). Ademais de outros cinemas nacionais de Barcelona, Madrid ou Palma de Mallorca, entre outros, Promio conta co apoio da Unidade Europa Creativa Media, a rede europea de cinemas independentes de Europa Cinemas e de asociacións análogas en países da contorna como Francia, Alemaña ou Italia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo