O concelleiro popular Antonio Ameijide acusou esta mañá en rolda de prensa ao alcalde de Lugo, José López Orozco, “de poñer en risco postos de traballo e a pervivencia dalgún autónomo na Ronda das Fontiñas, xa que segundo explicaron os comerciantes e empresarios desta zona cada vez se fai máis difícil que os seus establecementos fagan fronte ás perdas que está a provocar esta demora totalmente inadmisible nas obras”, motivo polo que algún deles chegou a cifrar entre un 60 e un 80% a redución dos seus ingresos habituais.
Nese senso, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular fixo fincapé no “absoluto desinterese e na total despreocupación” respecto da ordenación de tráfico, de xeito que “o que podían ser unhas molestias lóxicas e que todos poderiamos comprender transformouse nun caos de circulación do que López Orozco é o máximo responsable”.
“É o alcalde quen é o culpable de non ter habilitado unha zona de estacionamento alternativa, malia a presumir de estar en condicións de acondicionala ao disponer dos terreos; é o alcalde quen é o culpable de que non se poidan realizar cambios de sentido nun treito tan amplo e é tamén quen é o culpable de todas as molestias que se están a xerar para o acceso aos garaxes dos residentes”, resumiu o popular.
Antonio Ameijide incidiu en que “se xa é preocupante que as obras non avancen e que o número de traballadores siga a ser ridículo, tamén o é o desprezo co que López Orozco tratou as 600 sinaturas de veciños que foron rexistradas o 10 de abril”. “Non é só que o goberno municipal non se molestase por dar ordes de axilizar a intervención senón que nin sequera tivo a decencia política de responder a un escrito que era claro e razonable”, criticou o popular.
Polo demais, o edil popular asegurou que “moito nos tememos que unha obra que debera levar xa máis dun ano rematada, posto que se aprobou en xuño de 2013 por unanimidade dos tres grupos municipais a súa execución, acabe rematándose fóra da prórroga dos traballos, que remata o 22 de maio”.
“E se os veciños e os comerciantes da Ronda das Fontiñas chegaron ata este punto de malestar é porque non houbo planificación nin vontade política do goberno municipal de que o impacto das obras fose o mínimo posible”, aseverou Ameijide.
Por último, o responsable de Tráfico do Grupo Municipal do Partido Popular reclamou aos socialistas que aplique todos os mecanismos ao seu alcance para garantir unha maior rapidez na execución da obra.