" />

O pleno da Deputación aproba a cesión ao concello de Castroverde da Residencia da terceira idade

Xornada de pleno na Deputación provincial e na que o PP defendeu unha proposta para que a entidade provincial cedera ao Concello de Castroverde a residencia da terceira idade así como os terreos nos que se asenta. A voceira provincial do PP, Elena Candia, atacou ao goberno considerando que “moita comunicación non debe haber entre o presidente da Deputación e o alcalde de Castroverde se mantiveron unha reunión despois de coñecerse a moción do PP cando xa fora aprobado no Pleno municipal hai dous meses”. “Se é así a moción xa tivo os seus efectos e sentímonos de grande utilidade porque unha vez máis o Goberno acerta cando rectifica ou cando lle fai caso á oposición”, precisou.

A popular amosou a súa sorpresa porque o Goberno Provincial dixera que a cesión “posiblemente” non poida ser gratuita, cando Castroverde foi un dos primeiros concellos, segundo lembrou Candia, que destinou recursos do Plan E para ter unha residencia. “Non foron capaces de abrila e non foi culpa do alcalde, que foi dos que máis intentou que estivera aberta. Engánanse entre vostedes e a residencia segue pechada”.

Candia criticou que o Goberno provincial non teña un modelo de xestión para as residencias e pagaran 18.000 euros a unha empresa privada para apostar polo que eles chaman unha “externalización estratéxica da especialidade”. “Nós pedimos os PIAs, que estaban sen solicitar e fixemos un plan de viabilidade, mentres vostedes as inauguraron e se esqueceron delas”.

Desde o PP recordaron que o pleno do Concello de Castroverde aprobou o 12 de xullo a solicitude á Deputación da cesión da residencia e centro de día e dos terreos sobre os que se asenta. A Corporación pedía tamén que se aplicase ao Concello de Castroverde o réxime económico de achega financeira da Deputación prevista para o resto dos concellos da rede de residencias do organismo provincial.

Supresión dos cuarteis da Garda Civil

Outra das mocións presentadas polo PP e, esta vez, aprobada co apoio de todos os grupos agás o BNG, foi a relativa á non supresión dos cuarteis da Garda Civil co obxectivo de que en ningún posto haxa menos de 20 efectivos. Nesa liña, piden ao ministro socialista de Interior que manteña a postura do anterior ministro Zoido en contra da reorganización e reordenación dos postos da Garda Civil que suporía suprimir servizos en municipios do rural.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo