" />

O Pleno da Deputación aprobou propostas do Goberno e da oposición

O Pleno da Deputación aprobou este martes as propostas do Goberno para inxectar outros 300.000  euros na provincia a través dos Concellos, entidades e colectivos sociais, co obxectivo de impulsar o emprego, os servizos sociais e as infraestruturas no rural, favorecendo a igualdade de oportunidades no conxunto da provincia.

O Presidente, Darío Campos Conde, agradeceu o “apoio” recibido ás iniciativas do Executivo Provincial, e explicou que con elas “contribuímos con 100.000 euros ao servizo de asesoramento que a Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo ofrece a máis de 6.000 empresas e centos de emprendedores ao ano; potenciamos con 50.000 euros o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI Lugo, que nos últimos 3 anos conseguiu a inserción laboral dun milleiro de persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo.

Raiolas

A asociación Raiolas recibirá 90.000 euros para transformar a antiga gardería do Campus de Lugo no primeiro centro de día da provincia para persoas con autismo, dando, dunha vez por todas, utilidade a este inmoble provincial, así como fin social; e investimos nos Concellos afectados polo canon preto de 45.600 euros, procedentes de remanentes, para que leven a cabo máis actuacións en beneficios dos veciños”.

CEL

O Pleno aprobou tamén con 23 votos a favor, pois os dous Deputados do BNG votaron en contra da proposta do Goberno Provincial da concesión dunha axuda de 100.000 euros á Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo (CEL). O seu obxecto é contribuír ao funcionamento do servizo de asesoramento xurídico, laboral, económico-fiscal, de internacionalización e emprendemento, que esta entidade ofrece ao ano a máis de 6.000 empresas e a unha media de 130 emprendedores lucenses.

COGAMI

Por unanimidade, o Pleno aprobou a proposta do Executivo Provincial de concesión dunha axuda de 50.000 euros a COGAMI. O seu obxecto é contribuír ao funcionamento do Servizo de Intermediación Laboral, que ten en marcha este colectivo para promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral. A través desta prestación, COGAMI acadouse a inserción laboral de 1.000 persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo nos últimos 3 anos.

Concellos

Logo de liquidar a débeda do canon nos últimos anos, a Deputación conta a día de hoxe con 45.528 euros de remanentes, procedentes de baixas en obras levadas a cabo nos Concellos. O Presidente decidiu conceder estes cartos aos 12 municipios nos que se deu esta situación. Así o propuxo ao Pleno, acadando a unanimidade do mesmo.

Aprobada unha iniciativa do PP para Servizos Sociais 

O Grupo Provincial do PP sacou hoxe adiante, no pleno da corporación provincial, unha iniciativa para que a Deputación destine destine 500.000 euros máis para servizos sociais a través dunha nova liña de axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Os populares consideran necesario que a institución provincial fomente a colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia e salientan que “a xestión eficiente das políticas de benestar social é sinónimo de calidade de vida, de igualdade de oportunidades, de inclusión, de cohesión social e de futuro para todos e todas”.

A deputada, Mari Teijeiro, apuntou que é fundamental que a institución provincial “fomente a colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro lucenses e poña en marcha estas subvencións co obxecto de contribuír aos gastos de mantemento dos seus centros, así como dos servizos estables, programas sociais ou actividades que leven a cabo”. A popular explicou que se trata “de dar unha oportunidade maior a aquelas entidades sociais que hoxe non teñen opción de acceso as axudas que concede esta administración, pois non todas coñecen cál e a fórmula de reparto das subvencións que existen e aínda coñecéndoa non todas teñen a opción de acceso ás mesmas”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo