" />

O Pleno da Deputación pídelle por unanimidade á Xunta que redeseñe os contratos das rutas escolares no Courel

O Pleno da Deputación de Lugo pídelle por unanimidade á Xunta de Galicia que redeseñe os contratos das rutas de transporte escolares do Courel co obxectivo de adaptalas ás particularidades desta zona, en concreto, pero tamén ao conxunto do rural da provincia de Lugo. A iniciativa, que presentou o PSdeG, saíu adiante cos votos de todos os partidos políticos con representación na cámara provincial: PSdeG, BNG e PPdeG, e incluíu unha addenda de engádega do Bloque para que se recollese no escrito que as demandas provinciais “cumpren coa filosofía dos fondos europeos FEDER que financian este servizo”.

A voceira socialista do Goberno defendeu a proposta incidindo no total apoio ás familias afectadas. Subliñou que “estas decisións da Xunta amosan un total descoñecemento do noso rural. Neste caso parece que o obxectivo é reducir o número de rutas, pero non teñen en conta as necesidades dos veciños e veciñas desta zona”. Así mesmo, engade que “os novos pregos imposibilitan a concorrencia no concurso de pequenos autónomos taxistas e pequenas empresas da zona que viñan prestando este servizo ata o de agora, xa que, por exemplo, prémiase que as empresas teñan a sede en Monforte ou que conten cunha flota de autobuses”.

A Deputada provincial criticou que o novo mecanismo para as rutas de transporte escolar tampouco ten en conta o número de horas que os nenos e nenas terán que pasar no autobús. “Non ten sentido incluír nun mesmo lote, o 27, aos concellos do Incio, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos e Bóveda, e ademais, non entendemos tampouco que o prego non inclúa o transporte en todoterreo cando son os únicos vehículos que poden circular por algunhas das vías en pleno inverno”. Por iso, piden que se deseñen coa premisa de que se trata de estradas de montaña co que iso supón en canto ao trazado, anchura e pendentes, e tamén que se teña en conta que se teñen que facer tendo en conta o itinerario máis eficiente, sen ter aos nenos horas e horas no transporte.

“A Xunta ten que rectificar con moitos erros e ten que cambiar o modelo de xestión que funciona ás costas dos cidadáns e do resto de administracións, e nomeadamente nalgunhas provincias como a de Lugo”, detallou a Deputada. E engadiu que “levamos un curso con moitos exemplos, lamentablemente, empezamos con problemas co transporte dos estudantes de Portomarín, seguimos coa posibilidade do peche de Baamonde, ademais de problemas co transporte noutras localidades coma Baralla ou Navia de Suarna, sen deixar de lembrar o peche de numerosas escolas unitarias no territorio lucense nos últimos anos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo