O Pleno municipal aproba a creación dunha gardería en Garabolos impulsada pola Fundación Amancio Ortega

A Corporación municipal aprobou hoxe no Pleno ordinario, o convenio a tres bandas entre Concello, Fundación Amancio Ortega e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que dá luz verde á construción dunha nova escola pública de 82 prazas na cidade.

Esta proposta do goberno socialista levarase a cabo pese á abstención no voto dos grupos da oposición agás do PP, que valorou positivamente esta moción ainda que asegurou que o grupo popular propoñía a escola infantil nas Gándaras e non en Garabolos, que “non está mal ubicado, pero as Gándaras era unha solicitude da veciñanza“. Asemade o PP pediulle ao ente municipal que axilice as obras.

O voceiro popular, Jaime Castiñeira intentou tamén pór da súa banda ao resto de grupos asegurando que se trata dunha oportunidade que poucas cidades teñen e que “se Lugo a rexeita, outra cidade ou vila a collerá”.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicou ante o Pleno os termos do acordo, segundo o que o Concello pon os terreos a disposición do Consorcio e pasa a integrarse neste ente autonómico.

Pola súa parte, a Fundación Amancio Ortega (FAO) ocuparase da redacción do proxecto, a construcción das instalacións e o equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico; e o Consorcio da súa posta en funcionamento e xestión, formando parte da rede pública de centros da entidade.

Para o Goberno local, a escola infantil promovida pola Fundación Amancio Ortega é un proxecto “prioritario e necesario para a cidade”, resaltou a alcaldesa Lara Méndez, dada a ampla demanda de prazas de gardería.

O resto de partidos da oposición abstivéronse da votación. Olga Louzao, voceira de Cidadáns explicaba que lle parecía un bó proxecto pero resaltou que algúns puntos do convenio non estaban craros e non aparecían especificados como o de “se o Concello terá que pagar máis ao longo do tempo ou co que invirte agora será suficiente”. Asemade, Louzao afirmou que “é unha boa nova” que Lugo conte con 82 prazas máis en escolas infantís pero asegurou que “ten que haber un convenio de colaboración no que se tome tempo e haberá que lelo con calma”.

Pola súa banda, tanto BNG como ACE-Esquera Unida resaltaron que non lles interesa que Amancio Ortega financie esta escola infantil xa que os seus cartos proveñen do “chamullo fiscal”, como o cualificou o voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, quen afirmou que o que intenta Amancio Ortega é “evadir impostos para acabar vendendo esta publicidade”. Ambas agrupacións dixeron non negarse á creación de novas prazas de gardería posto que son necesarias na cidade, pero non pasan porque sexan financiadas por esta Fundación.

Carlos Portomeñe, voceiro de ACE, asegurou que “para nós, non supón unha sorte, xa que marchou Abanca e vén Inditex”, estas declaracións fíxoas criticando as “labores filantrópicas de certos grupos” e asegurou que non está de acordo con que se fagan escolas públicas que dependan da “caridade” de grandes empresas.

Por último, Lugonovo cualificou de “cinismo do sistema capitalista” que Amancio Ortega aproveite os “subterfuxios do sistema”, que, por outro lado, aclarou que veñen dados por unha xestión irregular do goberno. O voceiro desta agrupación, Santiago Fernández Rocha apoiou as palabras de Cidadáns en canto as “lagoas do convenio” e o descoñecemento de puntos de interese no mesmo, e chamou á alcaldesa a que “teña moi en conta todas as consideracións que os técnicos munipais puxeron enriba da mesa“.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com