O Concello de Lugo formalizou este luns a recepción parcial do Polígono 2 de Louzaneta, un trámite que permite avanzar na regularización urbanística deste ámbito tras máis de dúas décadas de tramitación.
Segundo informou o Goberno local, a recepción parcial foi posible despois do acordo acadado entre o Concello e a Xunta de Compensación. O desbloqueo produciuse unha vez que os propietarios asumiron o pagamento de 80.322 euros destinados ao soterramento da liña eléctrica de media tensión. A contía foi ingresada nas arcas municipais o pasado 16 de xullo, cumprindo así as condicións necesarias para formalizar a recepción da urbanización.
A partir deste momento, será o Concello o encargado de coordinar os traballos e os trámites precisos para executar o soterramento da liña eléctrica, unha actuación financiada polos propietarios.
O Executivo municipal considera que este paso supón un avance na resolución dun dos expedientes urbanísticos máis complexos da cidade e atribúe o acordo ao traballo técnico e xurídico desenvolvido nas últimas semanas. En declaracións difundidas polo Concello, a alcaldesa, Elena Candia, sinalou que “cando hai vontade política, diálogo e rigor técnico os expedientes avanzan e os problemas acaban resolvéndose”.
No acto de formalización estivo presente tamén Tomás Notario Vacas, autor do proxecto de urbanización de Louzaneta-Areeiras, quen participou no deseño da actuación hai varias décadas.
Segundo a información facilitada polo Concello, a recepción parcial do Polígono 2 constitúe o primeiro paso dunha folla de ruta coa que o Goberno local pretende avanzar na regularización do resto dos ámbitos de Louzaneta —os polígonos 1 e 3 e a zona industrial—, un proceso que leva anos pendente de resolución.






