O Polo Aeroespacial de Rozas chega a expertos nacionais e internacionais en Málaga

A Xunta está a presentar o polo aeroespacial de Galicia no 8º Foro Transfiere, o principal foro profesional e multisectorial para a transferencia de coñecemento e tecnoloxía que se está a celebrar en Málaga os días 13 e 14 de febreiro. Así, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta tarde nunha mesa redonda dedicada á Civil UAVs Iniatiative, xunto co director de vehículos aéreos de Indra, Francisco Javier Barcala; o director de I+D de Babcock, José Luis Saiz, e o director de estratexia de Boeing I+D Europa, Eduardo Carrillo.

Patricia Argerey presentou o polo aeroespacial de Rozas como unha “iniciativa estratéxica que nos está permitindo, como rexión, gañar competitividade e crecemento económico e xerar capacidades industriais e sinerxías co coñecemento que aportan os nosos centros de coñecemento e empresas”. De feito, este proxecto está a mobilizar 164 millóns de euros de fondos público-privados, hai xa máis de 50 axentes traballando nel con contratos, entre empresas e centros de coñecemento (incluídas as tres universidades galegas) e está previsto que traballen nel case 500 persoas ata 2020. Argerey destacou que só existen outras tres iniciativas deste calado a nivel internacional, en Estados Unidos e Canadá, ningunha similar en Europa.

O debate centrouse tamén no efecto tractor que está a producir a participación de actores como as multinacionais Indra, Babcock e Boeing no ecosistema galego de innovación, a través das subcontratacións de axentes galegos e da transferencia de coñecemento e talento galego ao mercado. Por outro lado, subliñouse a visión a medio e longo prazo de abordar desenvolvementos tecnolóxicos que permitan xerar produtos e servizos baseados en vehículos non tripulados que poidan facer uso do espazo aéreo do xeito máis amplo posible e que sexan certificables con criterios equivalentes aos que se empregan para as aeronaves tripuladas.

Indra presentou as vantaxes dos dous vehículos desenvoltos no marco da iniciativa, o Targus, vehículo opcionalmente tripulado que propón unha solución de baixo custo para misións de vixilancia, e o primeiro USV marítimo, opcionalmente tripulado paratarefas devixilancia de pesquerías, medioambiental e protección de portos, bote auxiliar para buques da frota, loita contraincendios, instalacións offshore, etc.

Babcock, pola súa parte, explicou a aposta da compañía por situar en Galicia as súas capacidades en tecnoloxías en vehículos non tripulados, presentou o seu helicóptero non tripulado de 25kg, o LUA, así como os sistemas expertos desenvoltos centrados en áreas como emerxencias ante incendios forestais, vixilancia marítima e ordenación do territorio e os seus recursos naturais. Por último, Boeing presentou a súa solución para a integración de aeronaves autónomas en espazos aéreos compartidos, que vén de gañar a licitación da Xunta, e que representa un gran reto de futuro para que o sector despregue todo o seu potencial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com