" />

O popular Jaime Castiñeira presenta o proxecto político que pretende impulsar se é elixido alcalde

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, presentou esta mañá, acompañado por membros da súa lista, o proxecto político que pretende impulsar se é elixido alcalde o vindeiro 24 de maio e que dende esta mañá pode ser consultado na web www.merecesunlugomellor.es .

O popular asegurou que se trata dun programa “de presente e, por suposto, de futuro”, e que é “de todos, con todos e para todos”: de todos porque as ideas do Partido Popular foron completadas coas numerosas achegas que diferentes veciños foron formulando ao longo de todo o mandato 2011-2015; con todos porque “participou todo aquel que o quixo facer”; e para todos “sen exclusións de ningún tipo”, dado que “a igualdade de oportunidades é un dos principais piares que queremos asentar no Concello para mudar radicalmente a filosofía política actual”.

Jaime Castiñeira explicou que o proxecto do Partido Popular “responde fielmente ás necesidades e demandas dos veciños, non só polo noso esforzo en coñecelas senón porque os lucenses foron parte imprescindible” na elaboración do documento. “Abrimos máis canles de participación que nunca, dende a nosa presenza na rúa e nas parroquias, reunións con colectivos ata os medios dixitais (redes sociais, formularios en web ou a primeira APP móbil dun grupo político nun concello galego), e tamén obtivemos mellores resultados de achegas que nunca”, aseverou o popular.

Para acadar esta meta “ambiciosa pero cumprible”, o popular subliñou “a especial atención” que recibiron tres obxectivos: a creación de emprego, con tres liñas de acción específicas para esta materia e cun orzamento de seis millóns de euros anuais para o fomento da contratación e o emprendemento; a mellora nos servizos sociais, cun plan para combater a pobreza e a exclusión, así como medidas concretas para mellorar a atención en materias como a dependencia; e a xestión municipal, “dende a axilización dos trámites burocráticos ata a humanización da cidade, para o que será clave o impulso decidido ao transporte urbano e á eliminación do sistema ORA”, entre outras cuestións de tráfico.

Durante a súa comparecencia, Jaime Castiñeira subliñou que o programa electoral foi dividido en tres eixes “complementarios”: un “Lugo de oportunidades”, no que se inclúen as propostas de emprego, economía e cultura e turismo; “un Lugo para vivir, no que se incorporan as medidas de dotacións públicas, tráfico e transporte, seguridade cidadá e zona rural; e “un Lugo para todos”, no que ademais dos proxectos de servizos sociais tamén se engloban os de xuventude, deportes e educación. “Falamos, en definitiva, dun programa global e integral, no que cada acción está orientada a facer de Lugo un lugar aínda mellor”, asegurou.

Así mesmo, o popular destacou que o proxecto “é interactivo, foi 100% participativo” e reseñou o seu carácter multimedia, xa que “combina textos, imaxes e vídeos nunha web moi intuitiva e de moi doada lectura”.

Por último, Jaime Castiñeira defendeu que “mentres que hoxe o PP fai públicas máis de 200 medidas que conforman o seu proxecto de cidade, ao PSOE non se lle coñece nin a primeira proposta para o futuro de Lugo”, algo do que, segundo dixo, “quen saen perdendo son os lucenses, porque non poden confrontar as diferentes alternativas”. “Aínda así, todos sabemos, despois de 16 anos, o que deron de si os sucesivos gobernos de Orozco”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo