O PP acusa ao goberno local de “boicotear” o investimento da Xunta na Residencia

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acusou directamente a alcaldesa de Lugo de “tentar boicotear” as inversións da Xunta no barrio da Residencia. Segundo os populares, unha manobra que fai para “tentar ocultar todo o que non fixo polo barrio”, onde tan só colocou unha banda redutora de
velocidade.

Así se expresaba Antonio Ameijide á saída da xuntanza da mesa do barrio da Residencia que se celebrou esta mañá e  na que a institución autonómica reiterouse en que a súa “aposta” polo barrio “segue en pé”. “Non so o confirmou o propio presidente, senón que temos o compromiso dos conselleiros de Facenda, Infraestruturas e Sanidade”, explicou o voceiro popular.

O popular asegura que a Xunta “segue a avanzar nos compromisos adquiridos” cos lucenses, unha postura que se contrapón coa da rexedora lucense que, segundo Ameijide “en lugar de facilitar os investimentos para mellorar os barrios da cidade, só quere torpedear e poñer atrancos” aos proxectos da Xunta en Lugo.

Para rematar, Antonio Ameijide pediulle ao goberno local “axilidade” na tramitación das licenzas para que as obras comecen no menor prazo de tempo posible e así que esta dotación, tan necesaria para o barrio, vexa a luz canto antes.

 

“Falta de respecto, de eficiencia e de elegancia instucional”

Pola súa banda, o BNG de Rubén Arroxo negouse onte, a través dun comunicado, a acudir á xuntanza da Mesa sobre o barrio da Residencia que convocara a Xunta de Galicia para hoxe e onde estaban convidados os representantes de todos os grupos da corporación municipal lucense. O BNG non foi pola “falta de respecto” que, para a agrupación, supón que se convoque a esta xuntanza en Santiago de Compostela cando se vai tratar un asunto que incumbe a Lugo.

Asemade, Arroxo cualificou como “unha falta de eficiencia” que se teñan que desprazar os representantes de 6 grupos políticos para evitar o desprazamento dun ou dous representantes da Xunta. Ademáis dunha gran falta de “elegancia institucional”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com