" />

O PP advirte de falta de efectivos e medios técnicos nos servizos de obras e augas

O edil do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, denunciou hoxe a situación “límite” que viven os operarios da brigada de augas municipal que teñen que solicitar axuda a particulares para poder realizar o seu traballo. Ángel Trabada explica que desde hai varias semanas, hai tardes nas que hai un só traballador, situación que provoca que non poda realizar o seu traballo xa que necesita a axuda de compañeiros e, sobre todo, porque a lei de riscos laborais impide esa situación.

O popular exemplifica as súas críticas nunha situación dada hai uns días cando o operario que se atopaba na quenda de tarde tivo que acudir ao Polígono do Ceao para cortar a auga trala petición dun particular e, para realizar esa labor, o operario municipal tivo que pedir axuda a particulares nesta zona industrial para poder levantar a tapa de rexistro do punto no que tiña que proceder a cortar a auga.

Para o concelleiro popular, a situación desta brigada “xa roza o esperpento” porque que os propios traballadores municipais teñan que pedir axuda a particulares para poder realizar o seu traballo “é o máximo indicativo de que é imprescindible dotar de persoal e medios” a esta e outras brigadas do Concello de Lugo.

Trabada explica que a situación é tan “caótica” que desde o goberno local nin se preocuparon por cubrir a baixa dun operario desta brigada, unha baixa da que tiñan coñecemento con antelación e “nin quixeron botar man das bolsas de emprego”. “Desde a brigada de augas comunicaron a situación con antelación para poder cubrir esa baixa pero, a día de hoxe, seguen agardando por unha resposta do goberno local”, explicou o popular.

Unha situación que se repite noutros departamentos municipais, como a brigada de obras. Ángel Trabada pon como exemplo as gabias abertas na Avenida da Coruña, gabias que se abriron despois de dúas fugas de auga xa resoltas, pero que seguen sen pecharse e “molestando á cidadanía” porque a brigada de obras ten un só operario, polo que é evidente que non pode resolver o problema.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo