O PP afirma que “os complexos” da alcaldesa coa Xunta bloquean máis de 16M€

O voceiro do Grupo Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que a alcaldesa “é a principal responsable” de que o goberno galego que preside Alberto Núñez Feijóo teña numerosas trabas para poder facer realidade as promesas feitas aos lucenses, xa que por mor dos “complexos” da alcaldesa a súa “única obsesión é torpedear” os proxectos que Xunta quere desenvolver en Lugo.

Antonio Ameijide desvelou que a consigna da alcaldesa de Lugo e o seu equipo de goberno é paralizar calquera inversión ou proxecto que a Xunta quere realizar en Lugo e, cando non o poden paralizar, o que fan é “poñer paus nas rodas” por todos os medios posibles para que se retrase a construción da intermodal, a rehabilitación de novos locais na Tinería ou o centro integral de saúde no barrio da Residencia.

No que se refire á estación intermodal, o voceiro popular explicou que a Xunta segue a esperar por á proposta de convenio desde o pasado 19 de marzo de 2018, data na que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda remitiu ao Concello de Lugo unha proposta de convenio de colaboración para impulsar conxuntamente a estación intermodal da cidade.

O goberno galego cumpría así co acordado na xuntanza que as administracións central, autonómica e local mantiveron en Madrid o 19 de febreiro. Un proxecto no que a Xunta prevé investir 6,3 millóns de euros. Demóstrase que administración se preocupa polos lucenses e cal non, xa que a Xunta tardou un mes en preparar unha proposta de convenio, mentres que o Concello de Lugo leva máis de 3 meses para dar unha resposta.

No que se refire á Tinería, pese a que a Xunta xa efectuou os pagos ao Concello de Lugo de todas as licenzas de obras para rehabilitación que está en condicións de executar no barrio da Tinería segue sen obter os permisos municipais correspondentes.

Neste barrio, o Concello ten pendentes de outorgar dúas licenzas de obra, as correspondentes aos inmoble Tinería 15 e Recanto do Miño 17, dos que a Xunta xa abonou a solicitude previa correspondente. A primeira delas, é unha obra xa adxudicada pola Xunta en 700.000€, pero que o Concello, tras tardar máis dun ano en contestar á solicitude de licenza, indicou que era necesario realizar axustes no proxecto presentado. A segunda xa foi licitada en decembro e está pendente de adxudicar.

Por último, no que atinxe ao centro integral de saúde do barrio da Residencia, hai case un ano que a Xunta agarda a reposta do Concello de Lugo sobre a proposta de convenio para impulsar as obras desta nova
infraestrutura sanitaria. O goberno galego agarda desde o 3 de xullo de 2017 por unha resposta á proposta de convenio, para desenvolver unhas instalacións que acollerán, entre outros servizos sanitarios, unha unidade de saúde mental, un centro de saúde con Punto de Atención Continuada (PAC) e a base das ambulancias do 061.

A obra enmárcase dentro dun proxecto global que contempla a recuperación de todo o recinto que actualmente ocupan as instalacións do vello Xeral, cuxa edificio de hospitalización será derrubado para deixar sitio a novas zonas verdes no barrio, así como a unha residencia para persoas maiores e á nova comisaría do Corpo Nacional de Policía.
Antonio Ameijide tamén destacou que a Xunta tamén agarda, desde o 22 de decembro de 2017 polo visto e prace do Concello de Lugo ao estudo de detalle presentado pola Consellería de Sanidade para a futura construción do primeiro do centro integral de saúde de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com