" />

O PP cre que o goberno provincial quere pechar en falso e ás présas a extinciónde Suplusa

O grupo provincial do PP anuncia a súa oposición a pechar en falso a extinción da sociedade Suplusa e avisa de que a relación da Deputación con Tragsa podería ter “algunha vertente xudicial distinta da contencioso-administrativa”. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, explica: “Despois das declaracións do presidente e da vicepresidenta da Deputación, entendemos que o bipartito pretende cerrar en falso e á presa a disolución da sociedade mercantil Suplusa. O grupo provincial do PP mostrou o seu absoluto desacordo, que fixemos constar nas actas das reunións da comisión liquidadora, especialmente nas últimas”.

Castiñeira indica: “O Partido Popular quixo participar na comisión liquidadora, como consta na acta do pleno de inicio do proceso de disolución, en setembro de 2019, por varios motivos, un deles que non se fiaba do bipartito, porque era un proceso de animadversión clara de PSOE e BNG contra Suplusa; o BNG quería baleirar de contido a Deputación, empezando por Suplusa, como dixo a vicepresidenta”. Destaca que as liortas internas que tivo no pasado mandato o Partido Socialista afectaron ao funcionamento de Suplusa. Por outro lado, os populares –explica Castiñeira- quixeron estar na comisión liquidadora para defender os dereitos dos traballadores e os de numerosos concellos que teñen acordos e convenios coa Deputación para desenvolver solo industrial.

O portavoz popular asegura: “Non entendemos para nada que o presidente e a vicepresidenta falen de unanimidade, cando saben perfectamente, polas actas, que hai unha posición clara do PP de non pechar en falso o proceso de disolución. O bipartito quere pechalo canto antes”.

Os populares critican algunhas das manifestacións do presidente da Deputación. Castiñeira asegura: “Di que este proceso se fai para adelgazar a Administración. Iso é falso, e o claro exemplo é o servizo de xardinería, que antes prestaba Suplusa, cos seus traballadores, e que agora fai Tragsa, que resulta máis caro. Hai un proceso aberto no Contencioso no que o PP entende que a compra dunha acción de Tragsa pola Deputación de Lugo se fixo de maneira non legal. Este tema segue aberto”.

En canto aos traballadores -afirma Castiñeira- existe un problema laboral evidente cos xardineiros, que están en absoluto desacordo con ser subrogados a Tragsa. O que piden é que se subroguen á Deputación de Lugo, que é algo que tamén quere o PP de Lugo. Mentres non se resolva isto segue habendo un problema laboral cos traballadores de Suplusa.

Javier Castiñeira explica: “Doutro lado, o bipartito non aclarou nunca por que Tragsa usou material, equipamento e maquinaria de Suplusa sen a súa autorización. Estamos a falar de moitos cartos, dun ano e algún mes de uso de maquinaria. A voceira do grupo socialista non foi capaz de aclaralo cando, no seu día, llo preguntou o PP”.

Para os populares, “non hai certeza de que a Deputación queira cumprir os compromisos con todos concellos que firmaron convenios con Suplusa para desenvolver solo industrial. Mentres a Deputación non confirme que renovará eses compromisos, isto vaise pechar en falso con prexuízo para moitos concellos”.

O popular Javier Castiñeira lanza unha recomendación ao presidente José Tomé: “Non se apure, non peche en falso este proceso, porque ás veces querer ir moi rápido lévanos a non facer un proceso correcto e a ter moitos problemas de todo tipo: cos traballadores, xudiciais, de débedas entre Tragsa e Suplusa, cos Concellos que non están de acordo en que desaparezan os convenios. Este proceso pódese alongar moitísimo. O PP adianta que votará en contra sempre que non se garantan os compromisos como se prometeu inicialmente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo