O PP critica que o concello aínda non repuxera os merendeiros retirados para o Caudal Fest

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pregunta a Lara Méndez cales son os motivos de que seis meses despois da celebración do Caudal Fest aínda non se repuxeran os merendeiros do paseo do Miño que se retiraron por mor da organización do evento.

Antonio Ameijide sinala que esta é unha mostra máis da “despreocupación” de Lara Méndez pola cidade, xa que a isto hai que engadir, segundo os populares, o descoidada que se atopa esta zona da cidade, cunha total falta de mantemento. “Os sendeiros desta zona están totalmente abandonados, as zonas verdes descoidadas, o lixo se retira moi de vez en cando, o que se ve nas papeleiras cheas e o lixo polo chan”, afirmou.

O voceiro popular lamenta que aínda non se repuxeran os merendeiros nesta zona da cidade, un entorno moi frecuentado polos lucenses para pasear, facer deporte ou descansar un pouco. Estas infraestruturas se retiraron con motivo do festival e, a día de hoxe, seguen “tiradas” no lugar no que puxeron en setembro, ao carón do paso soterrado da N-VI, á altura do restaurante San Lázaro.

Por iso mesmo, e ante as “agradables temperaturas” que se están a rexistrar no comezo da primavera en Lugo, o popular reclama a colocación inmediata dos merendeiros e unha revisión dos mesmos, xa  que desde que se retiraron non se lles prestou máis atención, polo que “a saber en que estado se atopan”. Tamén pide o popular que se preste máis atención a esta zona da cidade, xa que nos vindeiros días aumentará a presenza de lucenses neste punto, polo que ten que estar nas mellores condicións posibles.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo