O PP critica que Piñeiro non se presentara á Comisión que el mesmo convocou

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, ironizaba esta mañá sobre se o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Urbanismo e Persoal, Daniel Piñeiro, se uniu á folga de traballadores municipais ao “boicotear” el mesmo a comisión que preside xa que nin sequera se presentou.

Antonio Ameijide explicou que a “desorganización e o descontrol” do goberno municipal chega ao punto de poñer en risco a celebración do pleno ordinario do mes de decembro polas “irregularidades” cometidas por Lara Méndez na convocatoria e pola “incapacidade, ineptitude e soberbia” da alcaldesa e do resto do equipo de goberno que, con estas actitudes, paralizan aínda máis este Concello.

Ao non celebrarse a comisión se “pode poñer en risco” a celebración do pleno ordinario do mes de decembro e, no caso de celebrarse, Daniel Piñeiro impediu que se poidan elevar a pleno os asuntos que se tiñan que tratar ao non celebrarse a comisión pola ausencia do presidente da mesma, Daniel Piñeiro.

Ademais, Ameijide pon sobre a mesa a “irregularidade” realizada por Lara Méndez, que hai uns días asinou unha convocatoria e unha orde do día do pleno, algo que “non se pode facer” sen que se celebren previamente as comisións pertinentes, que é onde se decide a orde do día do pleno. Para o voceiro popular, esta situación débese exclusivamente á “falta de preocupación” polo traballo diario do Concello e a “falta de entendemento e comunicación” que hai no seo do grupo socialista.

Por outra banda, o popular destaca que “é evidente” que malia que a alcaldesa queira desacreditar aos traballadores municipais, o impacto da folga “está a ser notable” no día a día municipal. Onte non se puido celebrar a comisión de queixas e suxestións xa que os funcionarios municipais non acudiron por estar exercitando o seu lexítimo dereito á folga e hoxe houbo que suspender outra comisión xa que o concelleiro de persoal optou por “unirse á folga” que os traballadores municipais están a realizar contra el e a alcaldesa.

Deste xeito, a folga paralizou xa o 40% das comisións previas ao pleno, xa sexa por ausencia de funcionarios ou por ausencia dos concelleiros do equipo de goberno e “veremos” se pode celebrarse o pleno e que se debate nel.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com