O PP cuestiona a eficacia do punto limpo da cidade

O Partido Popular no Concello de Lugo cuestiona “a eficacia e utilidade” do punto limpo da cidade. Segundo a concelleira popular Ana López Pombo “a redución á metade do persoal que atendía estas instalacións provoca que se diminuíra drasticamente o seu horario de funcionamento”, de xeito que “o volume de residuos que se acumulan ás portas do punto limpo fóra do tempo de apertura non deixa de medrar”.

Nesa liña, López Pombo detalla que “non ten sentido ter un depósito deste tipo infrautilizado polo capricho do goberno socialista de minguar os horarios e o persoal que atende estas dependencias”. “Igual que tampouco ten sentido que o goberno local autorice que a traballadora do servizo se vexa obrigada a acudir ao punto limpo mañá e tarde, incumprindo o convenio colectivo que establece que ese tipo de xornada só será de aplicación para o persoal de administración, ao que non pertence evidentemente esta empregada”, afonda.

Outro dos problemas que denuncia Ana López Pombo é o relacionado co peche perimetral das instalacións, “cunha rede cun burato enorme a través do cal poden acceder simultaneamente varias persoas sen ningún tipo de autorización”. Deste xeito, a popular puntualiza que “continuamente se están a producir roubos”, de xeito que “este servizo perde todo o seu sentido se non se impide que calquera entre alí sen ningunha dificultade”.

“E o primeiro punto no que se debería actuar é no peche do punto limpo no lateral fronte a outra nave, polo que diariamente entran vehículos de gran envergadura como furgonetas e incluso poderían facelo camións”, asegura, ao tempo que solicita aos socialistas “responsabilidade e sensibilidade” para que “non se vexa ameazada a integridade física dos empregados deste punto e para blindar a custodia dos materiais perigosos albergados alí”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com