O PP de Lugo levará ao pleno que se reclame a débeda ao Goberno central

O voceiro do Grupo Popular de Lugo pide á alcaldesa que exerza como tal e demostre “se defende os intereses dos lucenses ou se, pola contra, é cómplice da falta de vontade política de Pedro Sánchez que retén as transferencias que lles corresponden aos concellos de forma inxustificada”.

Para os populares este bloqueo do Goberno de España “supón unha ameaza á economía municipal xa que ao non recibir do Estado as transferencias previstas podería afectar á elaboración dos orzamentos pois descoñécese cales son os medios económicos dos que disporemos”. O popular manifestou que “Sánchez utiliza a mesma coartada que coas Comunidades Autónomas para frear a entrega deste diñeiro e que no caso de Galicia se cuantifica en 700 millóns de euros”.

Ramón Carballo tamén cuestionou “as desculpas de Sánchez para bloquear estes cartos xa que afirma que non pode transferir o diñeiro porque goberna en funcións cando esta circunstancia non lle impediu aprobar os decretos dos venres sociais”.

Deste xeito, o popular defendía a proposición que o seu Grupo Municipal presentou para debater en pleno e que consta de catro apartados: No primeiro reclaman que a corporación “esixa ao Goberno de España que faga efectivas as obrigacións económico financeiras que ten contraídas coas entidades locais”.

O segundo punto da proposición é “reclamar ao goberno central os recursos necesarios para apoiar o esforzo orzamentario que fan as entidades locais para atender o incremento das retribucións dos empregados públicos”.

Outra petición desta proposición é “solicitar a convocatoria urxente da Comisión Nacional de Administración Local para dar conta das razóns da situación creada e acordar solucións inmediata así como dar traslado destes acordos á Presidencia e Vicepresidencia do Goberno de España, aos voceiros dos Grupos Políticos do Congreso e Senado, así como ao Ministerio de Facenda”.

Carballo rematou pedíndolle á alcaldesa de Lugo “sexa valente e que se desmarque de Pedro Sánchez e do Secretario do PSdG e se sume, sen paliativos,  a esta proposición na que se reclama unha solución ao bloqueo de un diñeiro que nos corresponde”.

O voceiro dos populares manifestou que “apoiar esta iniciativa é o mínimo que lle podemos pedir ao bigoberno de Lugo”. “O lóxico é que un partido que preside a Federación Española de municipios teña unha especial sensibilidade con este asunto”, concluíu.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com