O PP denuncia o “abandono” do Carme despois de inaugurar hai 3 meses o seu arranxo

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo piden ao goberno local que manteña unha especial vixilancia no barrio do Carme, sobre todo naquelas zonas nas que o pasado 10 de agosto inauguraron por todo o alto a súa renovación, xa que tres meses despois poden verse paseando múltiples desperfectos.

Explican os concelleiros populares que foron varios os veciños que se puxeron en contacto co PP para amosar o seu malestar polo estado no que se atopan agora os camiños arranxados hai poucas semanas, ao igual que os muros. Cun simple paseo dende a igrexa do Carme ata a Ronda do Carme pode verse como os camiños de terra están cheos de fochancas, hai muros caídos e a maleza comeza a apropiarse do camiño, sen esquecer eivas importantes como buratos de grandes dimensións que poden provocar caídas (semella que son accesos a fincas pero non hai chanzos nin unha rampla que faga supoñer que se trata dun acceso) e os valados comezan a caer, poñendo en risco a seguridade.

Dende o Grupo Municipal do PP recordan que estes traballos custaron 204.248 euros, cartos que se investiron na recuperación de camiños, muros e elementos singulares, así como a instalación de varandas, mobiliario urbano e iluminación con balizas. “Tentaron humanizar o Camiño Primitivo ao seu paso polo Carme , pero a realidade é que investiron un diñeiro nesta zona para logo abandonala de novo a súa sorte, polo que instamos a Méndez e Arroxo a que realicen traballos periódicos de mantemento para manter unha boa imaxe do entorno”, apuntan.

Os populares insisten en que o goberno local faga algo nesta zona para que non se repitan os abandonos sistemáticos que xa tiveron lugar noutras zonas da cidade, como os Paseos do Rato e do Miño ou a Fervenza, zonas que tanto PSOE coma BNG recibiron en perfectas condicións e que agora teñen totalmente abandonadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com