O PP denuncia que a “falta de mantemento” mantén contidos dixitais dos museos locais “fóra de servizo”

O Partido Popular considera lamentable que “pola desidia dos nacionalistas os turistas que, dende o pasado mes de decembro, visitan a Casa dos Mosaicos non poden ver o vídeo explicativo porque está fóra de servizo”. “Se temos en conta que o discurso museístico da Casa dos Mosaicos se basea na reprodución desta proxección sobre a Domus Romana é escandaloso que pese a que están advertidos non se molestasen en reparar esta deficiencia”. A edil
remarca que “para completar este despropósito os que se achegan á Casa dos Mosaicos tampouco poden ver ben os restos arqueolóxicos porque hai fallos na iluminación”.

Para os populares a proba de que hai un grave problema da xestión e o mantemento destes museos e salas de exposicións municipais “témola en que este problema se repite tamén no Centro de interpretación da Muralla, no Centro Arqueolóxico de San Roque e na Sala Porta Miña onde tampouco funcionan diferentes proxeccións”.

A concelleira popular Beatriz Vázquez afirma que é “unha vergoña a inacción do goberno” asegurando que “esta desidia non pasa desapercibida polos que visitaron estas dúas dotacións culturais”. “Observamos que non se cubren as expectativas e cabrean a algúns dos turistas”, resumiu Beatriz Vázquez. Para a edil popular “de nada serve que recentemente se ampliaran os horarios dos museos municipais cando hai constantes problemas nos contidos dixitais que son a base destas infraestructuras”.

Pola súa banda o voceiro do Grupo Popular, Ramón Carballo, insinuou que a responsable nacionalista da xestión cultural “parece esquecer” as súas responsabilidades no concello “todo apunta a que a súa renuncia á dedicación do Concello para cobrar da Deputación ten consecuencias en servizos municipais como estes”.

Carballo explicou que “neste caso en seis meses foi incapaz ou ben de enterarse do que pasa na Casa dos Mosaicos e no Centro de Interpretación da Muralla, ou ben de arranxar a maquinaria que non funciona” polo que lle pide “que atenda as súas responsabilidade ou que senon deixe paso a outros”.

Os populares tamén aproveitaron para demandar un mellor mantemento e difusión das ventanas arqueolóxicas que dependen do concello “os nacionalistas de Lugo deberían ter máis coidado o museo romano que temos á vista”. Para o Grupo Popular sería preciso un mantemento periódico para que se poidan visibilizar os restos que hai tanto na rúa das docerías como na Rúa Nova xa que, a día de hoxe, “son os comerciantes do entorno os únicos que se preocupan do seu estado exterior”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com