O Partido Popular de Lugo ven de pedir explicacións ao BNG pola presenza de material identificado co Concello en mans dunha concelleira nacionalista que xa non forma parte do Goberno municipal. O BNG rexeita que exista unha apropiación irregular e apunta que podería tratarse de material excedentario destinado a actos protocolarios.
O PP pregúntase como chegou ese material á edil e con que autorización saíu das dependencias municipais. Segundo os populares, durante a etapa do BNG no Goberno local non existiron suficientes mecanismos de control e trazabilidade no acceso aos almacéns, polo que sosteñen que actualmente non é posible coñecer todo o material que puido ser retirado.
A formación popular afirma que determinados obxectos que se atopaban no Concello apareceron posteriormente fóra das instalacións municipais e en mans dunha concelleira do BNG. Por este motivo, reclama ao grupo nacionalista que dea explicacións, devolva o material municipal que poida conservar e que Cristina López asuma as responsabilidades que correspondan.






