O PP insta ao goberno a visitar Castelo para comprobar as necesidades reais do barrio

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo pide ao goberno bipartito de Lugo que revisen as necesidades existentes no barrio de Castelo e que desenvolvan un plan de actuación para paliar todas as deficiencias presentes nesta zona. O voceiro popular, Ramón Carballo, acompañado polos concelleiros Antonio Ameijide e Manuel López visitou a zona e tivo ocasión de falar con varios veciños para coñecer de primeira man as necesidades do barrio.

Entre as actuacións que urxe acometer é o asfaltado da pista principal de Castelo, unha vía que cada día acolle a centos de condutores, xa que é unha das vías de acceso máis empregadas polos lucenses ao Hospital Lucus Augusti e que, a día de hoxe, presenta un aspecto moi mellorable, totalmente chea de baches. “Falamos dunha pista moi transitada e que ademais é a entrada a Lugo do Camiño Primitivo, polo que o seu estado tería que estar sempre en perfectas condicións”, explicaron.

Hai pouco que nesta zona se asfaltaron dúas pistas, unha actuación ben acollida polos veciños, pero que “quedou curta” despois de percorrer todo o barrio. “Non criticamos a actuación xa realizada xa que seguramente era necesaria, pero hai que priorizar e ver o aspecto global do barrio para darse conta de que hai moitas máis pistas que precisan dun arranxo inmediato”, afirman, xa que algunha conta con tanto ou máis tráfico que as reasfaltadas.

Tras esta actuación, unha tapa de rexistro afundiu nunha das pistas anexas á igrexa, o que supón “un perigo grave e real” para os condutores xa que dificulta o paso.

O Grupo Popular recorda que estamos a falar da entrada a Lugo do Camiño Primitivo, polo que, se cabe, a imaxe desta zona tería que estar aínda máis coidada para que os visitantes que chegan a cidade non leven “unha mala primeira imaxe”. Por iso, recordan que ao tratarse dunha zona con gran transito de persoas ademais de reasfaltar as pistas, é imprescindible mellorar a imaxe do barrio, xa que a maleza invade parte as pistas e habería que coidar o aseo urbano e a recollida de lixo.

Ao continuar co percorrido polo barrio de Castelo, os populares atoparon outras eivas, como que hai unha pista da zona sen reparar dende hai case un ano despois de sufrir varias roturas na rede de subministro de auga. “Revisamos diferentes puntos e atopamos como algo tan básico como que despois de que se arranxe unha rotura na rede de auga a pista non se reasfaltou, senón que se tapou o burato con terra e así se deixou”, explican. Unha actuación “totalmente deficiente” á que se engade “o pouco tacto” do bigoberno, que nin se preocupa de asear correctamente o barrio, como se comprobou ao ver como algunha farola non pode realizar a súa función ao estar totalmente tapada pola ramaxe das árbores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com