O PP pide a Tomé explicacións polo “expurgo bibliográfico” efectuado no Museo Provincial

O Partido Popular presentará unha iniciativa na Deputación para que o goberno presidido por José Tomé explique os aspectos “máis preocupantes do expurgo bibliográfico” levado a cabo no Museo Provincial en varios días do ano pasado. Esta mañá, o deputado popular Óscar Poy presentou unha solicitude de acceso e copia ao expediente deste asunto.

O PP sinala que, desde distintos ámbitos da sociedade lucense, difundíronse distintas noticias e artigos que, de corresponderse o seu contido coa realidade, suporían unha irresponsabilidade por parte dos xestores provinciais e un posible incumprimento da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, cuxo artigo 110 está dedicado ao patrimonio bibliográfico de Galicia; no seu primeiro punto establece: “Aos efectos desta lei, o patrimonio bibliográfico galego está constituído polos fondos e coleccións bibliográficas e hemerográficas de especial valor cultural”.

O deputado Óscar Poy lembra que, durante os pasados meses de outubro e novembro, publicáronse noticias nas que se daba a coñecer que o Museo Provincial de Lugo regalaba libros e tamén que a empresa do servizo de recollida de lixo e aseo urbano de Lugo se facía cargo da recollida do material bibliográfico ao que, deste xeito, se daba saída.

A operación, segundo o popular baseado en informacións xornalísticas, provocou comentarios críticos entre os propios traballadores do Museo. Días pasados, o xornalista Juan Soto titulaba así o seu artigo semanal: El desprecio a los libros. En ese artigo asegura que “muchos de los libros entregados a la Diputación de Lugo por Gayoso Carreira han formado parte del brutal expurgo que nos ocupa, sin respetar siquiera la singularidad del ex-libris del propietario”. Asegura tamén no mesmo artigo o veterano xornalista lucense: “La misma suerte corrieron varios ejemplares de la voluminosa crónica del Congreso Eucarístico Nacional celebrado en Lugo en 1896, impresa en la tipografía lucense de Gerardo Castro (…)”. E así o cronista cita algunhas obras máis.

Á vista de todo o exposto, os populares queren que o equipo de goberno que preside o socialista José Tomé dea explicacións sobre este asunto. Como primeiro paso, o Grupo Provincial do PP acaba de solicitar acceso ao correspondente expediente na Deputación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com