" />
Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O PP pide melloras de seguridade vial e tráfico na entrada a Lugo pola N-640

O concelleiro popular Antonio Ameijide pediu esta mañá en rolda de prensa, melloras de seguridade vial e tráfico no treito da N-640 ao seu paso polo termo municipal de Lugo.

O edil popular afirmou que en cumprimento co convenio asinado o 9 de outubro de 2004 entre a ministra de Fomento socialista Magdalena Álvarez e o alcalde de Lugo, José López Orozco, corresponde ao Concello de Lugo a responsabilidade de manter o treito desta estrada nacional comprendido entre a Ronda da Muralla e a intersección coa Rolda Norte.

Afirma Ameijide que tras executar obras o Ministerio de Fomento que se recibiron e foron postas en servizo o 22 de abril de 2008, en marzo de 2011 foi cando definitivamente se formalizou a cesión deste tramo á administración municipal.

Antonio Ameijide explicou que “polo tanto, estamos a falar de melloras que o goberno municipal podería ter realizado dende hai uns catro anos”, polo que urxiu aos socialistas “a dar resposta dunha vez por todas a cuestións que levan anos pendentes”.

Entre as intervencións necesarias, os populares ven especialmente “urxentes” as relacionadas coa seguridade vial tanto de peóns como condutores, “máxime tendo en conta que se trata dun dos principais accesos á cidade e que existen puntos que entrañan un especial risco para a seguridade viaria”.

Nesa liña, Ameijide reclamou unha mellora do firme da calzada, “especialmente naqueles puntos onde se atopa máis deteriorado”. Así mesmo, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular subliñou a necesidade dun repintado e mellora xeneralizada da sinalización horizontal e vertical, “cunha atención primordial á intersección de Castro Gil”, un punto do que os populares solicitan o redeseño deste cruce que tamén permite a comunicación coa rúa Camiño da Igrexa, unha vía da que reivindican a mellora no seu firme.

Ademais, Antonio Ameijide demandou “unha mínima sensibilidade” en relación coas paradas de autobús, instalando marquesiñas e postes informativos alí onde non existen ou son deficientes e tamén garantindo a seguridade de quen usan o transporte público, “con pasos de peóns ben situados e ben sinalizados, incluso con destellos luminosos, para poder acceder a eles con garantías de seguridade”.

Por último, Ameijide, quen tamén solicitou que se dote de beirarrúas a aqueles puntos nos que sexa posible “co obxecto de poder ter itinerarios peonís seguros”, explicou que se trata dunha vella demanda dos veciños do entorno, “nunha vía que non esquezamos que é estratéxica polos puntos que comunica: a rolda Norte, o HULA, os polígonos industriais de Campiña, do Ceao e das Gándaras, así como de acceso á A-6”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo