" />
Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O PP propón que Concello e Deputación coordinen o mantemento dos parques do Miño e Rato

O Grupo Municipal do Partido Popular presentará unha iniciativa no vindeiro pleno para mellorar o estado do cinto verde da cidade e que contribuirá a mellorar o Parque do Miño e o do Rato, de competencia municipal e provincial respectivamente.

O concelleiro do Grupo Popular, Antonio Ameijide, manifestou que “o máis urxente é que haxa un mantemento periódico e programado en ambas zonas verdes para evitar o seu deterioro”. O popular subliñou que como segundo paso habería que deseñar actuacións conxuntas para que todo este cinto verde tivese un tratamento de parque periurbano.

Antonio Ameijide explicou que na proposición se solicita “por un lado, un compromiso firme do Concello para realizar os traballos necesarios para arranxar os sendeiros, mobiliario, pontellas ou deficiencias de iluminación que depende da administración local e, por outro lado, instan á Deputación para que asuma esta mesma responsabilidade no Paseo do Rato e nos tramos que lle corresponden tamén no Paseo do Miño”.

Os populares afirman que o “avanzado grado de deterioro” que presenta este circuíto de varios quilómetros agrávase co paso do tempo. Ameijide indicou que “son numerosas as queixas que recibimos no Grupo Popular de persoas que utilizan esta zona para correr, para facer ciclismo ou simplemente para pasear”, polo que insta ao goberno local a dar “una solución definitiva” para recuperar o esplendor deste parque á beira do Miño.

O edil popular afirmou que “dende que López Orozco asumiu a alcaldía hai 16 anos non se avanzou nin un só metro cadrado para completar o cinto verde da cidade”.  Puntualizou que o único que fixeron, co seu pasotismo, foi renunciar a potenciar o Miño como atractivo turístico por excelencia”.

Os populares acompañan esta petición cun informe no que se detallan as principais deficiencias do Paseo do Miño: “o firme dos sendeiros peonís está en moitos puntos en malas condicións, ben polo arrastre da auga que non está ao mesmo nivel, ou ben porque teñen rodeiras polo que o terreo se enlama cando chove dificultando o paso dos usuarios. Hai zonas onde por falla de desbroce a maleza oculta o paso. A iluminación tamén é moi escasa nalgunhas zonas e é necesario tamén repoñer o mobiliario urbano deteriorado”.

Os populares reprochan ao goberno municipal “o abandono que sufre esta zona”. Ameijide reprochou que “o máis chamativo é que nestes últimos 4 mandatos Orozco “non soubo mellorar o Paseo do Miño, o máis grave é que nin tan sequera o mantiveron nas condicións nas que o herdaron”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo