" />

O PP recurrerá contra a entrada da Deputación no accionariado de Tragsa por decreto de Tomé

Os deputados provinciais Javier Castiñeira e José Antonio García, viceportavoces populares, anunciaron está mañá en rolda de prensa que o Grupo Provincial do PP presentará recurso contra o decreto do presidente, o socialista José Tomé, polo que a Deputación adquiriu unha acción do capital social da empresa Transformación Agraria S.A. (Tragsa).

Deste xeito, Tragsa pasou a ser medio propio personificado da Deputación e a Xunta de Goberno encargoulle o mantemento e conservación das zonas verdes de titularidade provincial, servizo que ata entón atendía a Sociedad Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa). Os populares están convencidos de que esa resolución de Tomé implica unha modificación no réxime de prestación do servizo de mantemento das zonas verdes da Deputación, e, polo tanto, “esa decisión non lle correspondía tomala ao presidente senón que é competencia plenaria”. Hai que recordar que os vinte traballadores de Suplusa dedicados ás zonas verdes foron transferidos a Tragsa.

Os citados deputados populares espuxeron que o presidente da Deputación ten que explicar que hai detrás da decisión de adquirir a acción de Tragsa. “Polo que imos vendo, esta resolución, adoptada por decreto do presidente da Deputación, non favorece en absoluto os intereses dos lucenses, porque non só non aforran nada co encargo a Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, senón que estamos convencidos de que supón un encarecemento notable con respecto aos custes que tiña co servizo a cargo de Suplusa”.

José Antonio García lembrou que no encargo feito pola Xunta de Goberno da Deputación a Tragsa para o mantemento das zonas verdes se fixa un importe total de 412.594,03 euros, por seis meses; se isto finalmente é así, o citado servizo operado por Tragsa pode acabar custando “considerablemente máis” que cando se atendía por medio de Suplusa. García sinala: “Polo tanto, de aforro nada”.

Os populares reclaman con firmeza do goberno provincial, presidido por José Tomé, que facilite información oficial do custe mensual para as arcas provinciais do mantemento por Suplusa das zonas verdes dependentes da Deputación. Por outro lado, os dous vicevoceiros do PP na Deputación sosteñen que no encargo feito a Tragsa para o mantemento das zonas verdes non figura a cesión gratuíta da maquinaria de Suplusa, sociedade agora en liquidación, que, como xa se informou, está sendo utilizada actualmente por Transformación Agraria.

Desde o PP expresan a súa preocupación polo futuro dos parques empresariais que dependían de Suplusa e reclaman do goberno provincial, e concretamente do presidente, José Tomé, que deixe de actuar coa falta de transparencia coa que opera con respecto á citada sociedade.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    lucusWorld
    Feb 17, 2020 - 01:55 PM

    @PPdeLugo @depulugo Menudo chiringuito teñen montado as Deputacións son as ladillas da política Galega.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo