O PP salienta o potencial da provincia de Lugo na biomasa, na que ve unha fonte de emprego

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, valoraron hoxe en Pol o potencial da provincia de Lugo para o desenvolvemento da industria forestal a través da biomasa, fonte na que ven a creación de emprego e prosperidade.

Durante o acto celebrado esta tarde no Centro Sociocultural de Mosteiro e organizado polo PP de Pol, que lidera María Ángeles Lenza, os dirixentes aseguraron que o potencial forestal de Lugo sitúa a provincia nun lugar preferente para configurar unha industria xeradora de riqueza a traveso da biomasa.

A presidenta e candidata popular, María Ángeles Lenza, agradeceu aos titulares de Economía e Industria e Medio Rural e Mar a presenza no municipio así coma aos mais de cen asistentes a charla informativa. Lenza destacou a riqueza que presenta Galicia, especialmente a de Pol, nesta materia e insistiu na necesidade de seguir na liña de traballo emprendida polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo nesta materia.

Foi o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde o que explicou que o monte galego suma máis de 2 millóns de hectáreas de superficie forestal, que ofrecen unha ocasión idónea para desenvolver unha economía sostible. Neste senso lembrou que 50.000 familias galegas viven deste sector, que representa en Galicia o 3.5% do Produto Interior Bruto, “unhas cifras que ratifican que Galicia é unha das principais potencias europeas nesta materia”.

Conde informou de que en máis de medio cento de concellos o sector da madeira representa polo menos o 30% das industrias asentadas, “industria na que Lugo, coa superficie forestal máis elevada de Galicia ( é a novena potencia europea) ten moito que dicir”.- manifestou. Engadiu que as empresas asentadas na provincia, convértena na líder no ámbito da biomasa forestal.

O popular afirmou que dende a Xunta fomentaron a cooperación público-privada, que nos últimos seis anos mobilizou investimentos no sector forestal de máis de 55M€, apoiando a máis de 250 empresas de toda a cadea de valor da madeira. Asemade tamén salientou a activación das axudas para caldeiras de biomasa, que só na provincia de Lugo mobilizou o ano pasado case 3M€ en 130 caldeiras e adiantou que neste ano, só en Lugo recibiron 600 solicitudes, “das que xa temos resolto favorablemente máis de 130 proxectos que mobilizarán case 2M€”.

Concluíu o conselleiro de Industria resaltando a importancia da innovación tecnolóxica para acadar unha industria máis competitiva con maior capacidade de xerar emprego sostible e de calidade; un obxectivo dixo, para o que conta coa implicación das PEMES e emprendedores lucenses.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, puxo en valor que a industria forestal galega supón o 2% do Valor Engadido Bruto e o 2.3% do emprego da nosa comunidade, que supón 20.000 postos directos e outros 50.000 indirectos. Manifestou que representa o 5% das exportacións galegas, cun valor de 623M€ anuais e que está integrada por 3.000 empresas que facturan máis de 1.625 M€ ao ano, dos que o 35% corresponden á provincia de Lugo.

No que atinxe á normativas, Quintana afirmou que no ano 2012 aprobouse a Lei de Montes de Galicia para regular os aproveitamentos forestais e repartir de xeito claro as competencias. Tamén recordou que no 2014 publicouse no DOG o decreto que lexisla os aproveitamentos do monte para regular o funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal así como para normalizar os recursos madeireiros, leñosos, de cortizas, pastos e micolóxicos.

Por último a popular manifestou que a situación en material forestal permitirá a posta en valor do monte galego, favorecendo así a unha xestión que facilite o seu desenvolvemento económico, o que implica a creación de postos de traballo no rural e, polo tanto, a fixación de emprego, “profesionalizando a xestión forestal e contribuíndo de maneira clave á prevención de incendios”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com