O PP solicítalle a Deputación unha nova liña de axudas destinada ás entidades sociais

O Grupo Provincial do PP levará unha moción ao vindeiro pleno da Deputación na solicitarán a elaboración e posta en marcha por parte do organismo provincial dunha nova liña de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinada ás entidades sociais da provincia de Lugo.

Dende o PP demándanlle ademais ao organismo provincial que destine, no orzamento do ano 2017, a cantidade mínima de 500.000 euros para a elaboración de dita liña de subvencións. Así mesmo, pídenlle a Campos que convoque, á maior brevidade posible, “a representantes das entidades de servizos sociais da provincia e aos grupos políticos desta institución provincial a unha reunión de traballo para expoñer propostas e valoracións para a elaboración das bases destas subvencións”.

Avanzar na cohesión social

Os populares consideran necesario que a institución provincial fomente a colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro lucenses e poña en marcha estas subvencións “co obxecto de contribuír aos gastos de mantemento dos seus centros, así como dos servizos estables, programas sociais ou actividades que leven a cabo”.

A voceira do PP, Elena Candia, salientou que “as asociacións e entidades sociais constitúen un referente imprescindible para coñecer a realidade e as necesidades sociais, o que fai da labor que se realiza dende o eido social e da igualdade unha ferramenta imprescindible na prestación dos servizos sociais”. Candia puxo en valor ademais que “a xestión eficiente das políticas de benestar social é sinónimo de calidade de vida, de igualdade de oportunidades, de inclusión, de cohesión social e de futuro para todos e todas”.

Dende o PP recordan que o actual Plan Estratéxico de subvencións da Deputación na anualidade 2015, prorrogado por acordo da Xunta de Goberno de data 15 de xullo de 2016, no que respecta á actualmente Área de Cooperación cos Concellos, Emprego, Benestar, Educación e Promoción Económica contempla como única modalidade de axuda pública aos colectivos sociais da provincia as axudas directas en dúas formas: nominativa e excepcional.

Unha fórmula que garanta a igualdade entre colectivos

Candia recalca que “dende o PP entendemos que esta única fórmula non está a favorecer a participación e o acceso ás axudas públicas en igualdade de oportunidades a todos os colectivos. De feito a normativa galega en materia de subvencións recolle como procedemento habitual e ordinario para a concesión de axudas a modalidade de concorrencia competitiva”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com