" />

O Presidente da Deputación participa no Pleno da FEMP

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, participou este sábado no XII Pleno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), unha asemblea celebrada en IFEMA, Madrid, na que, despois das eleccións locais de maio, se renovaron os órganos de goberno da entidade, que presidirá de novo o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e no que se fixaron as liñas de acción do municipalismo para este mandato 2019-2023.

Na apertura do Pleno participou o Ministro de Agricultura, Pesca, Alimentación e Política Territorial, Luis Planas, o presidente da FEMP, e o Alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, entre outras autoridades.

Durante a xornada, na que se acreditaron máis de 5.400 entidades locais de toda España, aprobáronse unhas 300 propostas de resolución, entre as que destacan a negociación dun novo sistema de financiamento que trate en igualdade de condicións ás entidades locais e as comunidades autónomas, e a recuperación da autonomía local, sobre todo en materia económica para que concellos e deputacións provinciais poidan investir libremente os recursos do superávit, así como a reforma da administración local e a reivindicación de que a transferencia de competencias aos gobernos locais por parte das comunidades autónomas vaian sempre acompañadas de dotación de financiamento.

O Presidente da Deputación, que asinou no Libro de Ouro da FEMP, destacou a importancia de participar neste Pleno da entidade porque nel defínense as directrices que se desenvolverán neste mandato para contribuír á mellora do funcionamento das deputacións e con elo da calidade de vida da veciñanza.

De feito, José Tomé entrará a formar parte nesta nova etapa da FEMP da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, na que, entre outras moitas iniciativas, impulsaranse medidas para definir o marco competencial das institucións provinciais, afondarase no debate sobre a participación dos gobernos locais no deseño, programación e execución dos fondos europeos, traballarase para articular a participación activa das entidades locais na elaboración por parte do Goberno dunha estratexia nacional frente ao reto demográfico e reivindicarase un axeitado financiamento dos plans provinciais de cooperación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo