O Concello de Lugo continúa reforzando a súa aposta pola mocidade a través do programa +XTi 2026, que suma novas accións formativas e propostas de ocio participativo co obxectivo de mellorar a empregabilidade e fomentar a implicación activa da xuventude na vida social e cultural da cidade.
Dúas accións formativas no CEI-Nodus
Dentro do itinerario Formación +XTi, o programa inclúe dúas accións independentes, pero complementarias, de 30 horas cada unha, que se desenvolverán no CEI-Nodus.
A primeira delas, centrada na creatividade e o emprendemento, terá lugar ao longo do mes de maio. As sesións abordarán contidos como a validación de ideas, modelos de negocio, finanzas básicas, marketing dixital e marca persoal. O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de maio.
Pola súa banda, a segunda acción, prevista para xuño, estará enfocada na comunicación e as ferramentas dixitais. Os participantes formaranse en oratoria, produtividade, traballo na nube e seguridade dixital. Neste caso, o prazo de inscrición finalizará o 3 de xuño.
Ambas as dúas propostas son gratuítas, contan con 12 prazas cada unha e requiren inscrición previa a través da web do programa.
A música sae á rúa co alumnado de DJ
Como complemento á formación, o +XTi tamén aposta polo ocio activo coa celebración das “Sesións na rúa”, unha iniciativa que permitirá ao alumnado do curso de DJ actuar en directo en distintos espazos públicos da cidade.
As actuacións desenvolveranse entre o 20 e o 23 de abril en localizacións como a Praza Agro do Rolo, a Praza Horta do Seminario, a Praza Augas Férreas e o Paseo do Miño, en horario de tarde.
Nesta actividade participarán DJs como Angel, DDJ, Gensys, Leduc, DJ Naya, Nugon, SLP, Sune, Tweed Drop e Val-G, que levarán a música en directo á rúa como mostra do traballo realizado durante a súa formación.
Con esta programación, o Concello busca combinar aprendizaxe e participación, ofrecendo á mocidade ferramentas prácticas e espazos de expresión que contribúan ao seu desenvolvemento integral.






