O PSOE de Ribadeo insta ao Alcalde a rehabilitar as pistas rurais

O voceiro do Partido Socialista de Ribadeo, César Fernández Murias, instou este xoves ao rexedor nacionalista, Fernando Suárez Barcia, a rehabilitar pistas rurais nas parroquias da Devesa e Vilaframil. O voceiro socialista criticou que o Alcalde se dedique a solicitar axuda a todas as administracións para mellorar infraestruturas e dotacións públicas que non son da súa titularidade, pero nas que lle competen directamente a el por seren de titularidade municipal “non fai nada”.

Concretamente, os socialistas solicitan a rexeneración integral da pista que vai de Rinlo a Meiregos, na parroquia da Devesa; así como na de San Xulián, en Vilaframil. Fernández Murias explicou que a pista de San Xulián é unha pista de concentración parcelaria, polo que conta con moito transito tanto de turismos dos veciños que viven na zona, como de tractores e maquinaria agrícola dos propietarios das fincas que se atopan ao pé desta pista. “Esta é unha vía moi empregada polos veciños e veciñas da zona, que conta con importantes fochancas que obrigan a que tanto turismos como a maquinaria teñan que pasar polas cunetas”, explicou o voceiro.

A de Rinlo é unha vía importante para a zona pois ademais de conectar con varias praias do municipio, serve de enlace entre as parroquias de Rinlo e A Devesa, “sendo a vía de comunicación fundamental para os máis de 800 veciños que viven nos núcleos rurais destas dúas parroquias”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo