O Pleno aproba o nomeamento de Fernando Ónega como Fillo Adoptivo e dá luz verde a medidas sobre seguridaden, mobilidade e servizos municipais

O Pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves conceder ao xornalista Fernando Ónega o título de Fillo Adoptivo de Lugo, unha proposta que saíu adiante cos votos favorables do PP e do PSOE, mentres que o BNG votou en contra.

A iniciativa partiu dunha proposta cidadá impulsada por Xulio Méndez, avalada por máis de 1.000 sinaturas, e contou co apoio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Asociación da Prensa de Lugo e doutros colectivos. O acto institucional de entrega da distinción celebrarase o vindeiro 7 de agosto no Círculo das Artes.

Na sesión plenaria tamén se aprobaron por unanimidade dúas iniciativas relacionadas coa seguridade e a mobilidade. A primeira solicita ao Ministerio de Transportes a limpeza integral da Ponte Branca, a reparación dos desperfectos existentes, a elaboración dun plan periódico de mantemento e información ao Concello sobre o calendario de actuacións. A segunda reclama ao Goberno de España a supresión dos pasos a nivel existentes no municipio co obxectivo de mellorar a seguridade viaria.

O Pleno deu igualmente o seu respaldo unánime ao Regulamento de Funcionamento Interno do Comité de Seguridade e Saúde, destinado a actualizar o funcionamento deste órgano municipal e reforzar a súa seguridade xurídica.

No apartado normativo, aprobouse a ordenanza reguladora da Zona de Baixas Emisións (ZBE), que establece un período transitorio dun ano antes da súa aplicación efectiva. Tamén saíu adiante o regulamento de funcionamento do Auditorio Fuxan os Ventos, coa finalidade de dotar esta instalación municipal dun marco específico de organización. Esta última proposta contou co apoio do Goberno local, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.

Por outra banda, o Pleno aprobou o pagamento de 542 facturas pendentes de pagar por un importe de 2,7 millóns de euros, correspondentes a servizos xa prestados ao Concello, algunhas delas do ano 2023. O expediente recibiu o apoio do Goberno Local, mentres que PSOE e BNG votaron en contra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com