Lugo lanza “Lugo Limpa” para promover a tenza responsable de animais e a cidade limpa

A campaña “Lugo Limpa” aposta pola sensibilización e a responsabilidade das persoas propietarias.

O Concello de Lugo vén de presentar “Lugo Limpa”, unha campaña coa que pretende fomentar a tenza responsable de animais de compañía e mellorar a convivencia nos espazos públicos. A iniciativa combina accións de sensibilización co reparto gratuíto de kits hixienizantes destinados ás persoas propietarias de cans, nun momento no que a cidade supera os 22.000 animais rexistrados.

Baixo o lema “O teu xesto fai cidade”, a campaña céntrase en promover hábitos como a recollida dos excrementos e a limpeza dos ouriños con auga durante os paseos, unha práctica que contribúe a reducir o impacto sobre fachadas, portais, mobiliario urbano e outros espazos de uso común.

A concelleira de Benestar Animal, Mar Carballas, explicou que a iniciativa busca reforzar a corresponsabilidade da cidadanía no coidado da cidade sen perder de vista o papel que desempeñan os animais de compañía na vida de milleiros de familias lucenses.

“O problema non son os cans; o problema é o incivismo”, afirmou a edil, quen quixo poñer en valor o comportamento da maioría das persoas propietarias, que, segundo indicou, cumpren coa normativa e contribúen diariamente a manter limpos os espazos públicos.

Carballas insistiu en que “coidar dun animal tamén significa coidar da cidade, respectar os espazos públicos e favorecer unha boa convivencia entre toda a veciñanza”, subliñando que Lugo debe seguir sendo “unha cidade amable cos animais”, pero tamén comprometida co civismo.

Reparto de kits desde o 11 de agosto

Como complemento á campaña, o Concello continuará coa distribución gratuíta de kits hixienizantes para facilitar a recollida dos excrementos e a limpeza durante os paseos. O primeiro reparto realizarase o martes 11 de agosto, entre as 10.00 e as 13.00 horas, na Casa do Concello.

O Goberno local avanzou que haberá novas xornadas de entrega do material, que se anunciarán progresivamente para facilitar que o maior número posible de persoas poida acceder aos kits.

Desde a Concellaría de Benestar Animal lembran tamén que a recollida dos excrementos dos cans non é unha recomendación, senón unha obriga establecida pola normativa municipal. A campaña nace cun enfoque principalmente informativo e educativo, aínda que o Concello advirte de que os incumprimentos reiterados poderán derivar nas correspondentes sancións.

Con esta iniciativa, o Executivo municipal pretende reforzar a limpeza dos espazos públicos e promover unha convivencia baseada na responsabilidade compartida entre administración e cidadanía, nunha cidade na que a presenza de animais de compañía forma xa parte da vida cotiá.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com