O PSOE organiza o seu primeiro Consello de Alcaldes socialistas

A Agrupación Provincial Socialista de Lugo constituíu hoxe o 1º Consello de Alcaldes Socialistas co obxectivo de defender os dereitos e intereses dos lucenses. Este órgano do partido, que estará presidido pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, terá reunións periódicas para deliberar e adoptar posturas sobre calquera asunto e tema que afecte a administración local e aos veciños da provincia de Lugo, facendo un fronte común ás políticas discriminatorias do PP na Xunta de Galicia nos Concellos onde goberna o PSOE.

Nesta primeira reunión os rexedores abordaron 3 temas principais: a situación actual do reparto dos Fondos de Cooperación Local, o Canon da Auga e as competencias dos municipios. 

Os socialistas denuncian que os Concellos están asumindo competencias que non son propias dos municipios porque as administracións que teñen a obriga de facelas non o fan. Os Alcaldes do PSOE comprometéronse a identificar, cuantificar e certificar o custe de todas estas competencias para tratar que as administracións que non as están exercendo acheguen eses investimentos para que se fagan realidade.

En canto aos fondos de cooperación local, os rexedores socialistas critican que as 2/3 partes dos recursos que posúe dito fondo son asignados “por intereses políticos”, a Concellos habitualmente gobernados polo PP. Por primeira vez, no ano 2018, o Partido Popular na Xunta de Galicia repartiu en base a criterios non obxectivos máis de 234 millóns de euros a través de convenios e subvencións. Os socialistas recordan que o fondo creouse para paliar as desigualdades territoriais e que non se está cumprindo. Por este motivo, os Alcaldes da provincia de Lugo están de acordo en tratar de canalizar e vehiculizar unha proposta para que o 100% do Fondo de Cooperación Local de Galicia sexa distribuído en base a criterios obxectivos e solidarios para un equilibrio territorial.

Un tema polo que amosaron moita preocupación os Alcaldes lucenses foi o Canon da Auga que impuxo a Xunta de Galicia e que obriga aos Concellos a cobrar aos seus veciños e ingresar o recadado ao organismo autonómico. Según este canon, todo o recadado financiará única e exclusivamente actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras de augas residuais e xestión dos ríos, tendo coma un dos obxectivos primordiais fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma. Os socialistas denuncian que o Partido Popular non compromete en investimentos o ingresado, producindo remanentes que se empregan para outras actuacións diferentes as estipuladas no Canon.

O PSOE provincial censura que os 13 proxectos licitados na provincia de Lugo dende o ano 2015 só foron para 12 Concellos gobernados polos populares, contando cun investimento total de 4,8 millóns de euros. Os municipios son: Outeiro de Rei, Paradela, Sober, Friol, Foz, Mondoñedo, Cospeito, Begonte, O Páramo, Taboada, Lourenzá (en 2015, cando gobernaba o PP) e Vilalba. Por este motivo, os socialistas esixen un Plan Estratéxico de Infraestruturas Hidráulicas deseñado en base a criterios obxectivos e coa participación dos Concellos, que recolla actuacións concretas a desenvolver coa totalidade do Canon recadado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo