O SLG denuncia “novas amenazas por burofax da industria láctea ás granxas”

No SLG sabemos de granxas que “se negaron a asinar a cláusula dos custes de produción que lles presentou a industria xunto co contrato e, diante desta negativa, e tras ter todo tipo de presións, acabar recibindo un burofax como ultimato para obrigalas a asinar unha cláusula de custes cos datos falseados baixo a ameaza de deixar de recollerlles o leite”.

O sindicato denuncia: “diante destas prácticas mafiosas coas que se lles está a extorsionar ás nosas granxas, resultan tan lamentables como hipócritas as recentes declaracións do director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Luís Calabozo, nas que di que non lle consta que haxa abandonos de granxas por non cubrir o prezo do leite os custes de produción, e presumindo de que as industrias souberon adaptarse ben aos cambios na Lei da Cadea Alimentaria. Madia leva”.

A realidade é que, segundo os representantes dos labregos, é que “a situación do sector lácteo estase a tornar insostible para miles de granxas que seguen indefensas diante das prácticas de extorsión das industrias amparadas pola pasividade da administración, nomeadamente do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural. Por unha banda, o Ministerio segue sen facer cumprir a lei que el mesmo modificou a través de ferramentas como a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica)”.

Por iso dende o Sindicato Labrego Galego instamos a Agricultura e a Medio Rural a “exercer as súas competencias. En primeiro lugar, pedimos a convocatoria urxente da mesa do leite, pois a extorsión das industrias están forzando unha baixada de prezos que, de seguir así, acabará sendo insostible para miles de granxas na Galiza”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com