O SLG e AGA denuncian o uso masivo de glifosato polo Ministerio de Transportes

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Apicultura (AGA) veñen de rexistrar un escrito de queixa na Delegación do Goberno para denunciar o uso masivo de glifosato por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para desherbar as beiravías e cunetas das estradas de titularidade estatal en Galicia. “A través de diversas testemuñas, puidemos constatar o uso de herbicidas nas marxes da A-54, da A-8 e da N-547, polo que se intúe o uso xeneralizado deste agrotóxico como modus operandi habitual do Mitma”, sinalaron.

Asemade, no mesmo escrito, solicítase unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para “explicarlle o tremendo impacto ecolóxico que ten o uso de glifosato no medio ambiente e para a saúde humana, especialmente nesta época do ano”.

Aínda que o glifosato é de uso legal debido ás fortes presións da agricultura industrial para prolongar a súa utilización na Unión Europea, está previsto que sexa totalmente prohibido en territorio comunitario no ano 2022 debido aos graves riscos que entraña o seu uso, xa que se demostrou que é canceríxeno e perturbador endócrino para os seres humanos e devastador para insectos polinizadores como as abellas. De feito, xa hai países como Austria que o prohibiron sen agardar a que venza o seu período de legalidade prorrogado.

Cómpre salientar que os efectos nocivos do glifosato vense intensificados pola época na que se está a usar, en plena primavera e comezos do verán, cando as plantas están en flor e as abellas e outros insectos están no seu pico de actividade.

Por iso o SLG e AGA, “demandan do Ministerio de Transporte que deixe definitivamente de utilizar glifosato para desherbar cunetas e beiravías e pase a utilizar medios mecánicos de limpeza”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com