O SLG e Amigos da Terra reclaman un permiso especial para facer cortas en espazos protexidos

Dende o SLG e Amigos da Terra, sinalan que “unha vez máis, a Xunta de Galicia actúa con nocturnidade e aleivosía ao publicar lexislación no Diario Oficial de Galicia en épocas de baixa actividade dos sectores produtivos e das organizacións sociais, e sen consulta previa as órganos consultivos como o Consello Forestal de Galicia”.

“É certo que era imprescindible establecer pregos de condicións claros para cada actuación e que toda a actividade agraria nas áreas de protección se ve afectada pola indefensión de non ter claro que accións se poden realizar e a interpretación que se poida facer dos regulamentos. Pero isto vén derivado do incumprimento da propia administración que leva case 20 anos sen elaborar os plans de ordenación, xestión e usos a que obriga a lexislación en materia de conservación da natureza, patrimonio natural e biodiversidade de Galicia (Lei 9/2001 e Lei 5/2009). Tamén que se facía necesario axilizar os prazos nos que determinados servizos emiten os informes para que a consellería do medio rural poida autorizar ou denegar a realización de actividades agrarias”.

Dende o SLG e Amigos da Terra, “sempre demandamos que a protección dos espazos non se pode facer sen contar coas persoas que habitan o medio, as formas de vida e as súas actividades económicas; máis tamén somos conscientes de que hai que poñer certas limitacións ao tipo de prácticas que se realizan, así como dotar das medidas económicas e fiscais necesarias para compatibilizar ambas cousas. E, sobre todo, que non se pode establecer a presión sobre as actividades agrarias e ser permisivos coas industriais”.

Con todo elo consideran “que non se debe obviar o impacto que supoñen as cortas de arboredo, especialmente as cortas a feito, no entorno no que se producen. Impactos sobre a flora e fauna do lugar, sobre as formacións e parcelas colindantes, sobre os camiños de acceso, sobre cursos de auga, etc… Por iso, consideramos que en espazos protexidos e zonas de policía dos leitos deben seguir a vía de solicitude de autorización. Aquí non serve que a posteriori se poidan abrir dilixencias por malas prácticas, erros ou omisións, porque o dano xa estará feito e non haberá volta atrás”.

Ao mesmo tempo, o SLG e Amigos da Terra “instan á administración sectorial a cumprir coa normativa e a establecer os plans necesarios onde se detallen os tipos de actuacións permitidas ou prohibidas e os protocolos de actuación en aras dunha seguridade xurídica para as persoas. Tamén pedimos que se dote dos medios necesarios para axilizar os trámites e resolución de expedientes”.

“Ao mesmo tempo, para os aproveitamentos de uso doméstico débense establecer os pregos de condicións necesarios para que estes se fagan con garantía mediante o procedemento de comunicación dos mesmos”.

Segundo o SLG e Amigos da Terra “esta orde aplícase, en xeral, para masas forestais dos xéneros pinuseucalyptusacaia e pseudotsuga nas zonas de protección de estradas autonómicas, terreos da rede galega de espazos protexidos, Rede Natura 2000 e zona de policía dos leitos da demarcación hidrográfica galicia-costa. Se ben fai puntualizacións por especies e deixa excluídas as actuacións nas figuras das zonas de especial protección de aves (ZEPA), parques, reservas naturais, monumentos naturais, áreas críticas de especies incluídas no catalogo galego de especies ameazadas e hábitats sensibles (complexos dunares litorais e hábitats turbosos); non é xustificación para que as talas de madeira se executen sen as inspeccións previas necesarias”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com