O temporal “Herminia” deixa numerosas incidencias na provincia

O temporal “herminia” está a deixar afectadas diferentes estradas provinciais polas fortes choivas e nevaradas que están a producirse nas últimas horas. A Deputación de Lugo  mantén despregados 72 operarios e 48 máquinas e vehículos para paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas na rede viaria provincial, onde se rexistraron desde o venres 192 incidencias.

As situacións máis complicadas que se viven este luns a causa das precipitacións afectan á Chaira e á Montaña. Na comarca da Terra Cha, os técnicos pecharon dúas estradas provinciais ao tráfico en Cospeito e Begonte: a LU-P-1701, de Feira do Monte a Muimenta, que á altura dos quilómetros 9 e 10 tiña o firme completamente anegado; e a LU-P-0802, que conecta a N-VI e a parroquia begontesa de Santalla, que quedou intransitable polo desbordamento do río Ladra. Tamén se rexistraron dificultades para transitar polas estradas da Montaña lucense, onde estaba activa unha alerta amarela por neve por riba dos 1.000 metros. A Deputación despegou na zona do Courel -onde se chegaron a acumular 5 centímetros de neve- dúas quitaneves e varias pick ups con cuña, que son máis rápidos e lixeiros para estes espesores.

O venres, sábado e domingo a meirande parte das incidencias que se rexistraron por toda a provincia foron provocadas por caída de arborado sobre a estrada. Das 57 actuacións que se levaron a cabo o sábado, tres foron para resolver a caída de árbores sobre tendido eléctrico, e outras tres por desprendementos. Onte domingo, rexistráronse 85 incidencias, dúas delas polo asolagamento de dúas vivendas situadas ao carón das estradas provinciais.

O dispositivo de seguridade mobilizado pola Deputación está formado por 78 operarios, 24 medios móbiles, 8 quitaneves, 8 pick ups con cuñas e 8 vehículos de apoio. Así mesmo, os 12 silos de sal da Deputación dispoñen de 35 toneladas cada un para conseguir desfacer as placas de xeo que hai no firme e favorecer así a seguridade dos usuarios e usuarias das vías.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com