O TSXG autoriza prorrogar ata o 4 de xuño a esixencia do certificado COVID-19 en hospitais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 4 de xuño, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional. A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo advirte que, de acordo co informe presentado pola Xunta, “continuamos nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus estable en grao medio”, o cal, “ademais do dano intrínseco que causa á poboación afectada, segue ocupando significativos recursos do sistema público de saúde de Galicia, cun empeoramento no último reconto”.

Os maxistrados destacan que a existencia dese risco “xustifica xenericamente a adopción de medidas que se poidan reputar idóneas para conter a transmisión do virus”. Ademais, inciden na “idoneidade” de requirir o certificado COVID-19 en contornas nas que están expostas ao virus “persoas especialmente vulnerables”. O tribunal tamén afirma no auto que é a “forma menos lesiva de compatibilizar a salvagarda da vida e a saúde co exercicio doutros dereitos como os de reunión ou acceso a determinados espazos pechados e o dereito á intimidade persoal e á vida familiar, propios da visita a seres queridos internados nos centros” aos que se refire a orde.

A Sala salienta na resolución que “todas as persoas que quixeron vacinarse tiveron a oportunidade de facelo” e, respecto a aquelas que “optan libremente por non vacinarse”, indica que a medida de prevención consistente na esixencia do certificado para o acceso a determinados espazos “permite a adopción de alternativas (certificado de recuperación ou de proba negativa) de obtención sinxela”. Así, sinala que “calquera das alternativas están facilmente dispoñibles para o cidadán/a, de maneira que o sacrificio de acudir a calquera delas para a realización das actividades condicionadas parece razoable”. Contra o auto cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com