O TSXG confirma a sentenza que condena ao Sergas a indemnizar con 30.000 euros a filla dun doente falecido

A Sección Primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha sentenza que condena ao Sergas a pagar unha indemnización de 30.000 euros á filla dun doente de 80 anos que faleceu en 2011 como consecuencia dun infarto de miocardio tras recibir asistencia sanitaria. A Administración, segundo a resolución, provocou “unha perda de oportunidade no tratamento da doenza inicial do enfermo” ao non derivalo o día 16 de abril de 2011, cando foi atendido no centro de saúde de Sarria, ao hospital de Lugo. “Non pode obviarse que acudira ao PAC só, o que tamén entendemos debeu suxerir unha maior atención, residindo o dano na secuencia que tivesen os feitos de seguirse outros parámetros de actuación”, indica a sala.

A recorrente solicitaba ao TSXG que lle impuxese á Administración o abono de 191.500 euros, pois alegaba que o seu pai sufriu unha deficiente asistencia médica, algo que non considerou acreditado o tribunal. Os maxistrados, polo tanto, desestimaron o recurso de apelación e confirmaron a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela. O tribunal indica no fallo que “esa perda de oportunidade”, tal e como consta na sentenza de primeira instancia, é a que xera “dereito ao resarcimento por responsabilidade patrimonial do Sergas en favor da filla do falecido”.

“Concluímos que a atención clínica non fixo uso de todos os medios ao seu alcance para evitar o desenlace lesivo producido. Sendo iso así, podemos concluír que nos achamos ante un suposto de perda de oportunidade, en canto que a actuación médica privou ao doente de determinadas expectativas de curación”, destaca o TSXG, á vez que explica que a perda de oportunidade “caracterízase pola incerteza sobre se a actuación médica omitida podería ter evitado ou minorado o deficiente estado de saúde do doente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo