O TSXG denega a petición dos hostaleiros de Lugo de anular as medidas impostas pola Xunta pola COVID-19

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou nun auto notificado hoxe denegar a medida cautelarísima solicitada pola Asociación Provincial de Empresas de Hostalería e Turismo de Lugo, así como as A Coruña e Pontevedra, quen solicitaba a suspensión da aplicación da orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020 na que se establecen novas medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria da COVID-19.

En concreto, o recurso diríxese fronte á disposición que ordena o peche dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, así como fronte á que fixa como hora máxima de peche dos establecementos de hostalería e restauración as 01:00 horas, sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00:00 horas. Os hostaleiros tamén recorren a disposición que ordena o consumo dentro dos locais en barra ou sentados en mesa, ou agrupacións de mesas, asegurando o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A Sala destaca que unha suspensión cautelarísima como a que interesan as entidades afectadas “significaría activar unha fonte importante de contagios, que derivan non só da apertura de locais de lecer nocturno, e unha extensión no límite de apertura dos demais establecementos de hostalería, senón tamén dunha falta de distanciamento interpersoal, que representa unha das medidas de maior eficacia para evitar contagios”.

Así, os maxistrados indican que “non pode prevaler sobre o interese xeral o particular das empresas do sector da hostalería”, á vez que advirten de que as cifras de evolución da pandemia son “altamente preocupantes”. As medidas, segundo resalta o TSXG, adoptáronse “para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos”. Os xuíces sinalan que non ignoran “as importantes perdas que para o sector da hostalería” supoñen estas medidas, así como que tras a solicitude da medida cautelarísima está “o interese dos empresarios do sector da hostalería de atallar e evitar os prexuízos económicos que a súa execución está a causar a un colectivo cuxos beneficios se nutren principalmente da recadación en épocas do ano como é a época estival, grazas ao turismo”. Con todo, recalcan que “tendo en coenta a natureza dos intereses en conflito e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública”, deben denegar a medida provisionalísima solicitada

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com