O Vello Cárcere expón a súa memoria histórica dende este venres nunha triple mostra

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, Carmen García-Rodeja, e a coordinadora da exposición O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra, Cristina Fiaño, presentaron hoxe esta mostra, que se inaugurará este venres, ás 20:00 horas, nun acto dirixido, principalmente, aos familiares dos represaliados, e que estará aberta á cidadanía dende o sábado. O seu obxectivo é contribuír á recuperación da memoria histórica do espazo, á dignificación das súas vítimas durante o período da guerra á posguerra, e á reflexión sobre este antigo lugar de represión dende distintas miradas actuais. Completan esta exposición dúas mostras máis, Dende o panóptico: cada cela unha fiestra e Vermellas.

O Vello Cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra trátase dunha exposición, que acollen as celas anexas ao patio, coa que quere reivindicarse a necesidade de facer dun lugar testemuñal un espazo de memoria, onde se ten en conta que o valor do edificio vai ligado á sua historia e ao conxunto de memorias das víctimas e de toda a sociedade afectada polos procesos traumáticos vividos arredor dela, tal e como explicou Basadre.

A mostra conta como co golpe de estado de 1936 este cárcere, pensado para 140 reclusos, chega a albergar 900 persoas. Dende este momento ata finais de 1940, e segundo os datos aportados pola historiadora María Jesús Souto, rexistráronse máis de cinco mil ingresos nesta prisión por motivos políticos. Esta masiva afluencia de persoas que entraban en prisión fixo que a vida no cárcere durante a guerra e a posguerra se vise marcada polo amoreamento. Ademais, a falta de espazo e de recursos propiciaba que a hixiene e a comida fosen aínda peores que nunha situación normal. Tamén, dise que a humidade que había no edificio o convertían nun dos peores porque propiciaba a proliferación de enfermidades respiratorias e outras afeccións que incluso chegaban a derivar na morte.

Grazas ao material conservado en distintos arquivos e polos familiares, a través deste mostra, chegarase máis intimamente á situación dos reclusos e das reclusas desta época. O libro de memorias escrito polo mestre Gregorio Sanz, as notas intercambiadas polos presos, as cartas escritas á familia ou mesmo obxectos elaborados na propia prisión son algúns dos materiais que conforman a exposición, da que tamén formará parte a recreación dunha cela individual na época da guerra, unha instalación sonora e un memorial cos nomes dos presos políticos que ingresaron no cárcere dende o alzamento militar de 1936 ata finais do anos 1940, e que debemos aos minuciosos traballos de investigación sobre a represión en Lugo feitos pola historiadora María Jesús Souto Blanco xa nos anos noventa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo