O xabaril xa é un dos grandes problemas das granxas lucenses

O Sindicato Labrego Galego organizou esta tarde un roteiro polo municipio do Corgo para denunciar a “desfeita” que a poboación descontrolada de xabaril está a facer en praderías e cultivos das que dependen a economía das granxas da provincia. Gandeiros de vacún como Manuel Ferreiro, Xosé Luís Fernández, Domingo Rodríguez ou Xosé Antonio López Fouz amosaron ao sindicato os estragos que fixo o porco bravo nos seus prados a pesares de telos perfectamente pechados, tal e como se recomenda para evitar os ataques de maneira preventiva.

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, que tamén participou nesta acción de denuncia, explicou que “na xornada de hoxe quixemos dar visibilidade ao enorme problema que teñen as granxas cos ataques da fauna salvaxe. Estes casos que puidemos ver hoxe son casos de familias que perderon a alimentación que tiñan para o gando, que van ter que mercala fóra e facer un desembolso considerable para volver restaurar os prados. E, cando acaben de amañar, o máis probable é que o xabaril volva estragalo todo outra vez”.

A maiores dos danos evidentes, Vilalba alertou sobre o problema sanitario que supón ter unha poboación descontrolada de xabarís.Hai unha alerta da Comisión Europea ao Estado Español pola posible transmisión da tuberculose dende os xabarís ao gando vacún, algo que xa se deu en Extremadura e que, de seguirmos así, causará graves problemas sanitarios tamén en Galicia”.

En breve, o Sindicato Labrego Galego manterá un encontro coa Valedora do Pobo para expoñerlle toda esta problemática e facerlle ver a situación de desamparo e indefensión que padecen os labregos e labregas polos ataques dunha fauna salvaxe cuxo coidado e xestión debe ser responsabilidade do conxunto da sociedade galega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com