Oito instalacións da provincia acollerán a máis de medio millar de rapazas e rapaces

Máis de medio millar de rapaces e rapazas, inaugurarán nos vindeiros días a campaña de campamentos e campos de voluntariado, programada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para este verán na provincia de Lugo. Os campamentos están situados en:

Area (Viveiro), Portomarín, A Devesa (Ribadeo), Palas de Rei e Os Peares (Carballedo), así como os campos de voluntariado de Quiroga e Xermade, e a actividade “Conecta con Galicia” na capital, para maiores de 18 anos e na que poden participar mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.

Actividades

O campamento xuvenil da Devesa iníciase con dous grupos entre os días 5 e 14 de xullo para dúas propostas,  “Multiaventura: ambiente e mar” e “Acampada a carón do mar”, con actividades similares adaptadas aos distintos grupos de idade, entre elas surf, kaiak-surf, bodyboard, snorkel con scooter, rocódromo, xeocaching, rastrexo, tiro con arco, xincana, aula de natureza, ruta e  acampada, entre outros.

En Area, tamén do 5 ao 14, desenvolverase o campamento sobre “Ambiente mariño e náutica”, no que os rapaces e rapazas practicarán vela, windsurf, wakeboard, kaiak, aula da natureza mariña, snorkel, tiro con arco, xeocaptura, longboard, raid brúxula, skimboard, paddlesurf, cometas de tracción, palas e volei praia.

No campamento xuvenil Os Chacotes, de Palas de Rei, os participantes disporán nas mesmas datas de actividades de escalada en rocódromo, orientación, bicicleta de montaña, tiro con arco, kaiak, piscina, xogos activos,  marcha e acampada, obradoiros da natureza e concienciación medioambiental ou carreiras de orientación.

Entre os días 1 e 8 de xullo, o albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín ofrece aos máis pequenos a actividade “A miña primeira aventura”, con vela, kaiak, bicicleta, patinaxe, tiro con arco, orientación, xeocaching, piscina, xogos activos, sendeirismo e acampada ou   xincana de aventuras, entre outras propostas.

Tamén do 1 ao 8 comeza en Carballedo, nos Peares e a súa contorna, o  “Adventure Camp”, con actividades en inglés, orientación, rappel, tiro con arco, kaiak, paddleboard, aula de natureza e piscina, entre outras.

Polo que respecta aos campos de voluntariado, destinados a maiores de 18 anos, o de Quiroga desenvolverase entre os días 2 e 13 de xullo e traballará no eido medioambiental,  e o de Xermade realiza tarefas arqueolóxicas dende o 9 e ata o 20 de xullo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo