Olga Louzao considera os cambios no goberno de Lugo “meramente estéticos”

A portavoz municipal de Cidadáns en Lugo, Olga Louzao, afirmou esta mañá que “os cambios no Goberno municipal de Lugo coa entrada do Bloque semellan meramente estéticos”, xa que, dixo, “as concellerías clave, como economía, urbanismo e persoal segue levándoas o PSOE“.

“O PSOE segue mantendo as áreas fundamentais para o funcionamento do Concello. Agardabamos desde Cidadáns que o Bloque, despois de 4 anos criticando a mala xestión de Lara Méndez nestas áreas, fose valente e responsable e asumira algunha destas concellerías clave”, considerou Olga Louzao.

A portavoz da formación laranxa asegurou tamén que “resulta cando menos curioso que o primeiro que anunciaron o PSOE e o Bloque fose o reparto de cargos” mentres “non sabemos aínda que queren facer en Lugo nos próximos catro anos porque descoñecemos cal é o programa de Goberno conxunto”, criticou.

Olga Louzao anunciou tamén unha “oposición útil, leal e construtiva de Ciudadanos apoiando todos aqueles proxectos ou actuacións que sexan boas para os lucenses e para sacar á cidade da parálise actual pero tamén unha oposición responsable, denunciando todas aquelas cousas que se fagan mal”.

Cs, que incrementou o número de votos en Lugo até os 4.000 apoios e mantivo a representación na Corporación Municipal, con dous edís, quere “que a cidade se poña a andar canto antes”, por iso Olga Louzao pediu a Lara Méndez e a Rubén Arroxo “que comecen a gobernar de inmediato, desde este mesmo luns“.

Puxo como exemplos a execución das sentenzas do Garañón, onde “existe un acordo plenario asinado polo BNG con PP e Cidadáns en base ao derrubo das torres e evitar indemnizacións millonarias para as arcas municipais e que debería ser a base para actuar neste asunto de vital importancia para a cidade”, afirmou a voceira de Ciudadanos.

Tamén hai acordo, lembrou Olga Louzao, para a recuperación dun sistema ORA gratuito e para municipalizar o servizo da grúa, para renovar o contrato de recollida de lixo, ampliar a Escola de Música, convocar as prazas das ofertas de emprego público dos anos 2017 e 2018, implantar un sistema de control horario no Concello ou acometer obras como a peonalización do tramo da Mosquera, converter en unidireccional a Avenida da Coruña ou facer unha rotonda en San Eufrasio.

“Todas estas actuacións contarán co apoio de Cs”, anunciou Olga Louzao, que pediu a Lara Méndez e a Rubén Arroxo que “antes de marchar de vacacións presenten unha proposta de Orzamentos Municipais para este ano e convoquen de xeito inmediato a comisión para a reforma dos buses, algo que Rubén Arroxo reclamou insistentemente no anterior mandato”, lembrou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo